A renovación integral do CEIP O Seixo en Marín superará o millón de euros

Marín
21 de novembro 2025
Actualizado: 15:42

Está previsto mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort das instalacións do centro educativo, segundo anunciou o conselleiro de Educación Román Rodríguez

Presentación da rehabilitación do CEIP de Seixo Xunta de Galicia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou este xoves no colexio O Seixo de Marín o proxecto de rehabilitación integral do centro, que será licitado antes de rematar o ano para executarse en 2026.

A obra inclúe a substitución da cuberta e das 182 fiestras e catro portas exteriores, a aplicación de illamento térmico nas fachadas e melloras na accesibilidade, como a instalación dun ascensor.

No interior, renovaranse as luminarias, con 475 luces LED e sistemas de regulación, instalaranse falsos teitos e paneis fonoabsorbentes, e realizaranse axustes na distribución do espazo.

A intención é acadar un aforro enerxético do 47% e reducir nun 50% as emisións de CO2, enmarcando esta actuación no Plan de nova arquitectura pedagóxica.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañou ao conselleiro na visita ao centro educativo.

"A previsión é que a intervención poida rematar a finais do ano que vén", avanzou Román Rodríguez.

O investimento da Consellería de Educación no municipio de Marín supera os 3 millóns de euros, sumando outras actuacións recentes en centros como o CEIP Plurilingüe de Sequelo-Marín, CEIP do Carballal, IES Chan do Monte e IES Mestre Landín.