Repsol solicita permiso a Costas para manter a gasolineira do Burgo

Pontevedra
19 de decembro 2018

A empresa Repsol, propietaria da estación de servizo situada na cabeceira norte da ponte do Burgo, solicitou a Costas unha prórroga para seguir mantendo a súa actividade na súa actual localización, en terreos de dominio público marítimo terrestre

Gasolineira do Burgo
Gasolineira do Burgo

A empresa Repsol, propietaria da estación de servizo situada na cabeceira norte da ponte do Burgo, solicitou a Costas unha prórroga para seguir mantendo a súa actividade na súa actual localización, en terreos de dominio público marítimo terrestre.

A solicitude, segundo confirmou a PontevedraViva un portavoz da compañía, presentouse ante a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Por agora, non transcendeu o período de tempo polo que solicitan que se amplíe a concesión. A Lei de Costas, con todo, recolle prazos máximos de ata 75 anos.

Desde Costas, pola súa banda, sinalan que a petición de Repsol está a tramitarse seguindo as canles regulamentarias para este tipo de expedientes. De feito, aclaran que mesmo se pediu á empresa máis documentación da achegada inicialmente.

O Estado, antes de resolver a petición de prórroga, solicitará os correspondentes informes ás demais administracións con competencias nesta materia, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.

O Concello aclara que, polo momento, o expediente de solicitude de prórroga non chegou ata as dependencias municipais.

En todo caso, cabe lembrar que con motivo da próxima peonalización da ponte do Burgo o goberno local chegou a mostrar o seu interese de completar esta actuación integrando o espazo que ocupan estas instalacións na futura praza pública que se habilitará entre as rúas Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán.

A gasolineira, cuxa concesión caduca a finais deste ano, poderá manter a súa actividade, sexa cal for a resposta final de Costas, ata que conclúa a tramitación desta petición.