"Este ano entrou con forza a gripe A", afirma o farmacéutico Luis Amaro. A venda de test de antíxenos e paracetamol é incesante na Farmacia Amaro e Area, na rúa Benito Corbal de Pontevedra, e en xeral en todas as boticas. Segundo os últimos datos sobre a incidencia da gripe en Galicia publicados pola Consellería de Sanidade, correspondentes á semana que remataba o 24 de decembro, a positividade dos virus da gripe (sen diferenciar tipo) foi un 34% superior á da semana anterior.
Luis Amaro, dende cando están a detectar esta tendencia crecente en incidencia da gripe A?
A repunta empezou hai tres semanas, pensamos que coas ceas de empresa ou reunións de amigos. Isto vémolo pola demanda exponencial de test para determinar precisamente a infección de gripe A, gripe B e covid. Despois de Noiteboa e Nadal foi impresionante, e supoñemos que despois de Fin de Ano volveremos ter outro pico, ou polo menos manter esa meseta alta. Posiblemente a partir de Reis baixará, pero veremos, porque isto ninguén sabe con certeza o que vai pasar.
Volven ser as reunións familiares os grandes focos de contaxio?
O que nos estamos atopando é que no momento en que unha persoa entra nestas reunións, o contaxio faise a toda a familia ou nun número importante das persoas que estiveron nesta reunión. Unha persoa infectada si que ten unha capacidade de infección bastante importante, e iso si o estamos comprobando.
Hai diferenzas con respecto á campaña pasada da gripe?
Este ano a gripe entrou con forza, o ano pasado non. Creo lembrar que entrara en xaneiro-febreiro e este ano adiantouse. Porque ademais veu moi reforzada polo covid. Primeiro entrou o covid, logo a gripe A moi intensamente, e agora están as dúas infeccións convivindo dunha forma moi aparatosa.
Deberiamos preocuparnos?
Non, non son infeccións graves. En canto a sintomatoloxía non hai que alarmarse, salvo casos moi concretos de persoas que si requiren unha atención médica específica polas súas características. Dá febre, dor de cabeza, muscular... A xente está bastante derreada pero non hai que alarmarse. Estamos nun período normal de patoloxías respiratorias e temos que convivir con iso.
Non é o mesmo pasar unha gripe A ou un covid estando vacinado que sen estalo
Que papel xoga a vacinación no caso dunha epidemia deste tipo?
A vacinación está a dar unha protección adicional ás nosas defensas. Non todos desenvolvemos os mesmos anticorpos e, a pesar de estar vacinados, ás veces estanse producindo infeccións. Pero si que é certo que toda a sintomatoloxía é moitísimo menor e podemos responder coas nosas propias defensas moito mellor a estas enfermidades que se non estivésemos vacinados. Nós recomendamos encarecidamente que todo o mundo se vacine. Non é o mesmo pasar unha gripe A ou un covid estando vacinado que sen estalo.
Con que necesidades chegan os clientes á farmacia?
Normalmente a xente vén primeiro cunha sintomatoloxía suave (arrefriado, conxestión nasal, sinusite, problemas de dor de cabeza, febre…). Nós recomendamos algún produto para combater estes síntomas: analxésicos, antigripais en caso necesario, xarope antitusivo se a tose é irritativa, algún tipo de expectorante se hai moita mucosidade, limpezas nasais cos soros ou solucións salinas, coidar moito a hixiene e repouso. Tamén no momento en que detecte que teña positivo, utilice máscara, polo menos por respecto aos demais para tentar contaxiar o mínimo posible, e gardar as medidas de hixiene que xa nos esquecemos despois da pandemia: lavado de mans, non levar as mans á boca ou os ollos...
E se os síntomas empeoran?
Se a cousa vai a máis con febre ou con problemas respiratorios, sempre, dende logo, acudir ao médico para facer un recoñecemento por se acaso tivese un proceso infeccioso que habería que tratar xa con antibióticos, no caso de que o médico o considere necesario.
Hai paracetamol dabondo, ibuprofeno, acedo acetilsalicílico, en principio están todas as necesidades cubertas
Con esta repunta, houbo nalgún momento desabastecemento dalgún produto?
Esta semana estamos a ver algún antigripal súper coñecido, por non dicir marcas, que se esgotou. Pero hai alternativas, dez ou quince antigripais diferentes que todos teñen a mesma composición: un analxésico que adoita ser paracetamol ou ibuprofeno, que leva normalmente un desconxestivo ou un antihistamínico, e con iso podemos solucionar. Que falta unha marca? Hai outra, non pasa nada. De momento niso temos unha cobertura completa e para nada hai desabastecemento. Hai paracetamol dabondo, ibuprofeno, acedo acetilsalicílico, en principio están todas as necesidades cubertas.
E cos test de antíxenos?
Están a empezar a escasear, pero non é preocupante. Tivemos que facer un pedido extra. Os test de antíxenos fixemos unha previsión para dúas semanas e a verdade é que nos duraron 5 días. Pode ser que se venderon uns 50-60 test de antíxenos diarios. E depende tamén do día. Hai días que se dispara a venda e días que se dispara un pouquiño.
Mentres PontevedraViva fala con Luis Amaro, un mensaxeiro deposita varias caixas que, confírmanos o farmacéutico, conteñen ese pedido extra de 400 test de antíxenos. Nas farmacias véndense tanto os test combinados de covid, gripe A e gripe B, como os únicos de covid. Todos eles custan 2,94 euros, un prezo único oficial que se logrou grazas á presión das corporacións de colexios de farmacéuticos, alarmados cando na pandemia os prezos dos test disparábanse.