Repuntan os casos activos por covid-19 tras rexistrarse trece novos contaxios

Pontevedra
22 de xuño 2021

Un lixeiro aumento dos casos activos por covid-19 experimentou desde onte a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hai 123 persoas coa infección activa, catro máis que no último balance do Servizo Galego de Saúde, que reflicte ata trece contaxios novos

Probas PRC Mónica Patxot

Un lixeiro aumento dos casos activos por covid-19 experimentou desde onte a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hai 123 persoas coa infección activa, catro máis que no último balance do Servizo Galego de Saúde, que reflicte ata trece contaxios novos.

A tendencia contraria seguen os pacientes hospitalizados. Pasaron a ser sete, un menos que onte. Todos eles están ingresados no Hospital de Montecelo. 

A maior parte deles (6) están en planta. Hai outro máis ingresado na unidade de coidados críticos (UCI) do hospital pontevedrés. Segue sen haber pacientes con covid-19 nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. 

O resto dos que contraeron o virus, outras 116 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 14.133 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, nove nas últimas 24 horas, e rexistráronse 181 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 245.426, 263 nas últimas horas. Delas, 12 deron positivo (4,56%). A estas probas súmanse as 83.759 probas de antíxenos e outras 93.006 probas de detección realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.274, 24 máis que o día anterior. Deles 458 son da área da Coruña, 161 da de Lugo, 141 da de Ourense, 124 da de Pontevedra, 191 da área de Vigo, 103 da de Santiago e 97 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 35 en unidades de hospitalización e 1.224 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 124.932 persoas curadas, rexistrándose 2.434 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.334.110 probas PCR, 3.035 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 83 novos infectados.