O buque 'Piedras', con base en Marín, sufriu un naufraxio na mañá deste mércores cando faenaba en augas de Gran Sol, no sur de Irlanda. No momento do incidente había a bordo 11 tripulantes que puideron ser rescatados.
Segundo confirmou Salvamento Marítimo, o 'Piedras', que navega baixo bandeira británica, sufriu unha vía de auga cando faenaba a 64 millas suroeste de Cabo Mizen (Irlanda).
Os seus 11 tripulantes, a maioría deles de nacionalidade española, puideron ser rescatados en bo estado polo pesqueiro Armaven Uno, tamén con base en Marín.
Nun primeiro momento, nove dos mariñeiros foron rescatados e quedaron a bordo o patrón e o xefe de máquinas para tratar de salvar o barco, pero este escorou demasiado e ante a imposibilidade de taponar a vía de auga ambos foron tamén evacuados. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, confirmou que quedaron no barco "achicando auga".
O servizo de Gardacostas de Irlanda afirmaba poco despois do sinistro que o barco aínda non afundira de todo, pero perdeu o motor e atopábase en chamas. Segundo informaban a través de Twitter, ao buque entráballe auga e perdera propulsión. Quedou á deriva con lume a bordo e unha forte escora de babor.
Pero seis horas despois de emitirse o sinal de socorro, sobre as 16:25 horas, o 'Piedras' acabou afundindo no fondo do Gran Sol. Os medios de rescate puideron recuperar a radiobaliza.
O operativo de rescate coordinárono os centros de salvamento MRCC Falmouth (Reino Unido) e MRCC Valentia (Irlanda), que enviaron á zona medis aéreos e buques. As autoridades irlandeas enviaron a unidade R116 con dúas bombas de achique. O Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítmo fixo seguimento desde España.
O 'Piedras', un barco construído en 1976 que pertence ao grupo Noray Pesca, partira de Marín o pasado 16 de maio e o seu último porto antes do afundimento foi o de Castletownbere, en Irlanda, de onde partiu o pasado domingo 29.
Os once tripulantes do barco, sete españois -a maioría deles galegos-, dous marroquís e dous ganeses, chegarán a terra sobre as dez da noite. Entre eles hai, polo menos, catro veciños de Marín, Serían o patrón Ángel Landín Muradas, o xefe de máquinas José Antonio Farto García e os mariñeiros Jo Baidou e Ebenezer Nii Agyei Tawiah.