A Deputación de Pontevedra insta á Xunta de Galicia a elaborar "un plan de continxencia para, en canto remate o Estado de Alarma, proceda como única administración competente, á obrigada desinfección de todos os espazos públicos de todos os concellos da provincia". Así vén de comunicalo o deputado provincial Carlos Font.
Esta petición á Xunta está relacionada coa demanda do voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, quen solicitaba que a Deputación puxese as súas brigadas a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes, para colaborar nos labores de limpeza e hixienización que na actualidade están a desenvolver estes municipios.
Neste sentido, Carlos Font sinala que a única desinfección que está a realizar a Deputación de Pontevedra é a través do Consorcio Provincial Anti Incendios nos exteriores dos centros de saúde, "e que o fai para dar cumprimento á orde ditada pola Xunta de Galicia, como administración competente e mando único mentres dure o Estado de Alarma, segundo proclamou o propio goberno galego".
O deputado provincial tamén indicou que a lista de concellos e o calendario onde se realizan estas desinfeccións tamén é ordenada polo Goberno autonómico, que é quen ten as competencias de saúde pública.
Para Carlos Font "é a administración autonómica a que tiña que poñelo en coñecemento dos concellos porque é a súa decisión e o seu calendario".