Resposta "entusiasta" da cidadanía á estrea de '100 viños, 100 libros' en Vilaboa

Pontevedra
14 de xullo 2025
Actualizado: 8:30

O evento enocultural logrou reunir nun mesmo espazo a paixón pola literatura galega e a diversidade do viño producido no país e contou coa participación de máis de 200 persoas

'100 viños e 100 libros' en Vilaboa

O evento enocultural '100 viños, 100 libros' tivo este domingo unha resposta "entusiasta" da cidadanía de Vilaboa. 

Así o asegurou o Concello de Vilaboa a modo de balance sobre este evento pioneiro que tivo lugar no Forno da Cal.

O evento logrou reunir nun mesmo espazo a paixón pola literatura galega e a diversidade do viño producido no país e contou coa participación de máis de 200 persoas, un cento en cada sesión, de mañá e tarde. 

O Concello impulsou este encontro co obxectivo de poñer en valor a cultura, o produto de proximidade e o patrimonio natural e histórico do municipio.

Luis e Alejandro Paadín deseñaron un completo programa de actividades en horario de mañá e tarde. 

A actividade incluíu conversas con escritores e escritoras galegas, lecturas compartidas e catas comentadas de máis de cen viños, procedentes de distintas denominacións de orixe galegas e identificación xeográfica protexida.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, e outros membros da Corporación municipal participaron no evento, no que tamén estiveron presentes representantes do club de lectura local e visitantes de diversos puntos de Galicia. 

Poza explicou que o seu obxectivo foi "construír unha experiencia diferente, que unise a cultura da terra coa cultura das ideas, e o resultado superou todas as expectativas".

Vilaboa "ten moito que ofrecer", sinalou o alcalde, que considera que esta é "unha mostra de como a colaboración entre o tecido cultural e o produto local pode dar lugar a eventos con identidade propia".

Xornada '100 viños e 100 libros' en VilaboaConcello de Vilaboa