Restauración acusa de "demagoxia" ao conselleiro de Educación

Pontevedra
03 de outubro 2013

Alumnos e profesores da Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra levaron este xoves as clases á Alameda no marco das protestas que manteñen dende hai semanas para reclamar que se lles adscriba á Universidade de Vigo

Clase ao aire libre de protesta dos alumnos e profesores da Escola de Restauración
Clase ao aire libre de protesta dos alumnos e profesores da Escola de Restauración / Mónica Patxot

Alumnos e profesores da Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra levaron este xoves as clases á Alameda no marco das protestas que manteñen dende hai semanas para reclamar que se lles adscriba á Universidade de Vigo. Mentres impartía unha clase no palco, o director, Fernando Carrera, aproveitou para acusar de "demagogo" o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, polas declaracións nas que rexeitou cumprir as reivindicacións estudantís.

"Axitar a bandeira de inseguridade laboral chámase demagoxia", criticou Fernando Carrera. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engadiu que, dende o seu punto de vista, as palabras do conselleiro foron "unha ameaza, diría eu".

Ademais, o director de Restauración sinalou que "as palabras do conselleiro deixannos un pouco fríos" e non lle fará "acelerar máis" as súas reivindicacións, senón que manterán o calendario xa deseñado e aprobado a principios desta semana. De feito, mesmo descararon asistir a un acto do propio conselleiro este xoves en Pontevedra porque "non noso estado de ánimo non está armar follón", senón esperar a unha reunión formal co responsable de Educación para trasmitirle as súas reivindicacións.

Os alumnos formularan unha clase na rúa na Alameda, pero xusto no momento no que tiñan que comezar caeu un forte chaparrón. Comezaron cubríndose con paraugas, pero finalmente víronse obrigados a trasladarse a coller o seu macuto, botar unha carreira e trasladarse ao palco da música. Alí continuárona segundo o previsto e coa presenza do alcalde, que recordou que o Pleno da Corporación municipal xa aprobou o pasado mes de xullo por unanimidade a adscrición de Restauración á Universidade.

Lores considera que o conflito se solucionaría "se houbera un mínimo de sensibilidade por parte da Administración autonómica galega" e critica que non haxa implicación para que a titulación pase a ser un Grao Universitario, pois desta forma "vai provocar emigración" entre os futuros estudantes universitarios e hai un "agravio comparativo" con outras comunidades autónomas nas que esta especialización si está considerada un título universitario e con outras titulacións como a Escola Naval de Marín, que si está adscrita á Universidade de Vigo.