Cadea humana dos alumnos da Escola de Restauración polo centro histórico

Pontevedra
04 de outubro 2013

Arredor de trinta alumnos percorreron unidos da man varios puntos da cidade para reclamar unha xuntanza co conselleiro de Educación

Cadea humana dos alumnos da Escola de Conservación e Restauración
Cadea humana dos alumnos da Escola de Conservación e Restauración

Ante a insistencia por parte do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, de que a Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra continúe pertencendo á Xunta de Galicia e non se adscriba á Universidade de Vigo, os estudantes e profesores deste centro manteñen o seu calendario de protestas.

Esta mañá do venres 4 percorreron o centro histórico formando unha cadea humana con paradas nas principais prazas da cidade. Onte á noite mostraron a súa pancarta ante o conselleiro durante a inauguración da exposición "Iso segue o seu curso".

O luns da próxima semana realizarán unha nova manifestación fronte á Subdelegación do Goberno, onde lerán varios manifestos de protesta.

E o martes ás 8 da mañá, os estudantes e parte do profesorado sairá andando cara a Santiago. Ao longo dos seguintes días comunicarán en todos os pobos polos que pasen a situación que atravesa a Escola. O venres esperan chegar a Santiago onde realizarán unha manifestación que finalizará fronte a San Caetano.