O restaurante do Museo de Pontevedra, cousa de dous: ou Pepe Vieira ou o dono de La Bella Napoli e o Sorrento

Pontevedra
06 de novembro 2025
Actualizado: 15:16

Ambos foron os únicos que se presentaron ao proceso aberto para escoller quen xestionará a cafetería e restaurante do Museo. Será por seis anos prorrogables por outros catro máis

Local destinado a restaurante no Edificio Sarmiento do Museo

Dúas únicas empresas compiten por facerse coa concesión do restaurante do Museo no Edificio Sarmiento, onde estaba aberto hasta hai poco La Ultramar de Pepe Vieira.

O propio Pepe Vieira, recoñecido chef con dúas estrelas Michelin, é un dos dous interesados en xestionar este espazo. O outro, unha compañía denominada Neapolis FD S.L., con sede na praia de Silgar e que explota restaurantes de comida italiana.

Entre as súas referencias están o restaurante Sorrento, en Sanxenxo, e La Bella Napoli, en Pontevedra, segundo confirman a PontevedraViva fontes da Deputación de Pontevedra.

A explotación da cafetería e restaurante situados na planta baixa deste emblemático inmoble ofértase por seis anos prorrogables por outros catro máis.

Unha vez pechado o prazo de presentación de ofertas, nos próximos días, a mesa de contratación analizará tanto as propostas económicas como os criterios técnicos de ambas aspirantes.

Dende a administración provincial destacan que a decisión final basearase nun equilibrio entre creatividade e rendibilidade.

Así, o 49% da puntuación avaliará aspectos de xuízo de valor, como o concepto gastronómico, a identidade de marca, a integración co patrimonio do museo e o deseño dos espazos interiores e da terraza.

A Deputación aposta por unha proposta que ademais de articular un relato culinario "singular e plenamente coherente" co discurso do museo, presente un deseño integral dos espazos interiores e da terraza que realce o inmoble patrimonial como a experiencia do visitante.

Ademais, valoraranse a traxectoria do equipo humano, a estabilidade laboral, o estudo de mercado e a estratexia comercial.

O 51% restante da puntuación recaerá sobre criterios cuantificables, como o incremento do canon anual mínimo -fixado en 22.563,34 euros (IVE incluído)- e o compromiso coa implantación dun sistema de calidade turística UNE ou Q.

A empresa que resulte adxudicataria deberá realizar obras de mellora no local, cun investimento estimado de 75.527 euros máis IVE, que se compensará reducindo o canon durante os seis primeiros anos da concesión.

As actuacións previstas inclúen a mellora da accesibilidade nos aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros. Estas obras deberán executarse nun prazo máximo de seis meses desde a obtención das licenzas correspondentes.

O futuro restaurante ocupará uns 160 metros cadrados de superficie, con cociña totalmente equipada, mentres que a zona de cafetería contará con 168 metros cuadrados adicionais e unha ampla terraza situada entre os edificios Sarmiento e Castelao.

Con esta nova concesión, a Deputación busca dar continuidade á actividade hostaleira que durante a última década deu vida ao baixo do Sarmiento, reforzando a súa vocación como espazo aberto á cidadanía, onde cultura e gastronomía poidan seguir compartindo mesa.

Local destinado a restaurante no Edificio Sarmiento do Museo   PontevedraViva