Restrinxen o acceso ao palco de música de Marín tras revelar un informe problemas estruturais

Marín
03 de abril 2025

O Concello de Marín avanza que encargará un estudo pormenorizado que sirva de base para a redacción do proxecto de restauración do palco

O palco de música de Marín, en mal estado Concello de Marín

O mal estado do palco de música situado na Alameda levou ao Concello de Marín a restrinxir o acceso ao mesmo de maneira urxente.

A administración local tomou a decisión tras os resultados dun exame técnico encargado á empresa Enmacosa, e que evidencian a importante deterioración na cuberta e partes da estrutura do palco.

Esta inspección revelou que a estrutura metálica aérea de piares, capiteis e contorneados arquitectónicos de fundición existentes presenta síntomas de oxidación en varios puntos, así como a balaustrada dos laterais, con algunha perforación puntual na chapa.

Ademais, informa o Concello, atopáronse varias fisuras e pezas de sillería de granito rotas nos pedestais dos vértices da estrutura do propio palco, con roturas considerables nas bases e fisuras nos encontros laterais.

Tamén destaca o resultado da inspección ás cuberta, que presenta elementos de madeira en estado avanzando de deterioración, con risco de desprendemento que tamén afecta os focos de iluminación.

O palco de música de Marín, en mal estadoConcello de Marín

Estes danos débense principalmente ao mal estado das pezas de lousa que conforman a cuberta exterior, que se atopan desprazadas e provocan continuas filtracións de auga.

Seguindo a recomendación dos técnicos, o goberno local ordenou tomar medidas urxentes de seguridade, restrinxindo o acceso ao palco de música e instalando valos conformando un perímetro de separación.

Para atallar esta situación o Concello de Marín avanza que solicitou un estudo pormenorizado que sirva de base para a redacción do proxecto de restauración do palco, un elemento considerado de alto valor patrimonial en pleno centro da vila.