Un retinógrafo apoiado con IA permitirá o cribado de enfermidades oculares no centro de saúde Virxe Peregrina

Pontevedra
13 de marzo 2026

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, presenta en Pontevedra esta nova ferramenta. Recoñece as dificultades que están a presentar as folgas médicas nas áreas sanitarias neste 2026

O conselleiro Gómez Caamaño e o xerente José Flores observan o funcionamento do novo retinógrafo
O conselleiro Gómez Caamaño e o xerente José Flores observan o funcionamento do novo retinógrafo / Antía Quinteiro García

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou este venres o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.

O motivo principal foi a posta en marcha dun novo retinógrafo baseado en intelixencia artificial (IA), unha ferramenta que promete mellorar amplamente o cribado da retinopatía diabética.

Gómez Caamaño destacou que o centro pontevedrés se converte nun punto de "vangarda" dentro do sistema público galego.

Segundo explicou o conselleiro, a Xunta está a impulsar a IA en catro áreas críticas: a detección de cancros de mama e próstata, a citoloxía e histoloxía en Anatomía Patolóxica, e o cribado oftalmolóxico.

"A intelixencia artificial vai revolucionar a práctica da medicina. Son ferramentas que axudan á toma de decisións, fan o abordaxe das patoloxías máis seguro e eficaz, pero nunca substitúen ao profesional, senón que o complementan", subliñou Caamaño.

O retinógrafo instalado en Virxe Peregrina actúa como un filtro de alta resolución, que pode empregar o persoal de enfermería.

Segundo explicaba Coro Sánchez, xefa de servizo do centro de saúde Virxe Peregrina, o algoritmo analiza a imaxe e determina se existe risco de retinopatía, principalmente no caso de persoas con diabetes.

Se o paciente está san, recibe un informe inmediato e unha cita para dentro de dous anos, conforme ás guías científicas establecidas. Se se detecta algunha anomalía, será derivado automaticamente a unha consulta oftalmolóxica.

Os especialistas presentes na visita coincidiron na relevancia desta tecnoloxía para a xestión do servizo de oftalmoloxía da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Eloy Fernández Viso, xefe de Oftalmoloxía, e José Flores, xerente da área, destacaron que esta especialidade é unha das máis demandadas, xunto con Traumatoloxía.

A capacidade da IA para "filtrar" pacientes evita derivacións innecesarias ao hospital, reducindo a sobrecarga asistencial.

"Dá unha maior capacidade de resolución en Atención Primaria e inmediatez ao paciente", sinalou Flores, quen lembrou que o obxectivo é estender este modelo a toda Galicia.

A implementación deste retinógrafo en Pontevedra é o primeiro paso dunha estratexia máis ambiciosa. A Xunta de Galicia está a mobilizar un investimento de 1,4 millóns de euros procedentes de fondos europeos para integrar solucións de IA en todo o sistema público (Sergas).

Segundo detallan desde a Consellería, este esforzo tecnolóxico non se limita á visión.

O Servizo Galego de Saúde xa está a impulsar o uso da intelixencia artificial en áreas críticas como cribados oncolóxicos con detección temperá de cancro de mama, próstata e cérvix; radioloxía simple, valoración automática de imaxes de tórax, columna e patoloxía osteomuscular; e anatomía patolóxica, aplicacións en citoloxía e histoloxía.

O conselleiro Antonio Gómez Caamaño visitou o centro de saúde Virxe Peregrina
O conselleiro Antonio Gómez Caamaño visitou o centro de saúde Virxe PeregrinaAntía Quinteiro García

FOLGA MÉDICA

O conselleiro referiuse á folga médica, recoñecendo que o seguimento desigual, cun 36% de incidencia nalgunhas áreas como Vigo, fronte a datos case residuais en Ourense, tivo un impacto real na cidadanía, con preto de 4.000 consultas suspendidas na última xornada de Atención Primaria.

O conselleiro cualificou de "construtiva" a reunión mantida cos colectivos en conflito, apelando ao respecto e á discreción para acadar acordos, pero sinalando que ten que haber outra intención pola parte sindical: "A outra parte ten que querer dialogar. A día de hoxe, os sindicatos non están dando ningunha mostra de querer dialogar", apuntou sinalando a Omega.

Caamaño quixo desmentir que a "autoxestión" ou peonadas sexan unha medida para contrarrestar a folga: "É unha ferramenta que temos todo o ano para diminuír os tempos de espera, non é algo intencionado contra as protestas".

O titular de Sanidade tamén enviou unha mensaxe directa ao Ministerio de Sanidade, instando á ministra a "coller o touro polos cornos".

Caamaño reclamou unha norma específica que recolla a "singularidade e responsabilidade" dos médicos e unha mesa de negociación estatal sobre as súas condicións laborais. "É imposible que o sistema funcione sen o apoio dos médicos", sentenciou.

"É imposible que o sistema funcione sen o apoio dos médicos; necesitamos unha mesa de negociación específica", afirmou.

O sindicato SIMEGA convocou este venres aos médicos e MIR do Sergas a unha segunda semana de folga indefinida intermitente entre o 16 e o 20 de marzo.

A central denuncia a "actitude intransixente" do Ministerio de Sanidade e reclama un estatuto propio que recoñeza a singularidade e a responsabilidade da profesión, esixindo mesas de negociación específicas tanto a nivel estatal como autonómico.

Entre as súas principais reivindicacións destacan a xornada de 35 horas e unha xubilación flexible entre os 60 e os 70 anos.

RETO DE CUBRIR PRAZAS EN PRIMARIA

A xestión do persoal no propio centro Virxe da Peregrina, especialmente crítico na quenda de tarde, tamén foi obxecto de análise. O xerente José Flores lembrou que a falta de especialistas en Medicina Familiar é un problema de ámbito nacional.

"Tardaremos catro anos en formar aos novos residentes para cubrir as xubilacións que non se deron cuberto no pasado", explicou, incidindo en que non se trata dunha falta de vontade política, senón dunha carencia estrutural de facultativos titulados dispoñibles.

Finalmente, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, quixo tranquilizar aos pacientes de Covid persistente, asegurando que seguen a ser atendidos polos mellores especialistas nos hospitais de referencia segundo a súa patoloxía, malia as queixas de certas plataformas de afectados.