Retoman as obras do Náutico de Sanxenxo malia que están recorridas no xulgado

Sanxenxo
20 de xaneiro 2014

Catalina González remitiu este luns un oficio a Portos de Galicia solicitando información acerca de se o ente público concedeu ao Náutico unha prórroga para a execución das obras de construción dos peiraos do porto "a fin de poder impulsar as actuacións que correspondan en defensa do interese xeral municipal"

O Concello de Sanxenxo denuncia que o Real Club Náutico da localidade continuou a primeira hora deste luns as obras de construción dos peiraos de amarre do porto deportivo Juan Carlos I a pesar de que a actuación está recorrida polo Concello ante o xulgado e foi admitida a trámite. Portos de Galicia ordenou en xullo a paralización preventiva das obras atendendo a unha solicitude do Goberno local.

A alcaldesa, Catalina González, remitiu este luns un oficio a Portos de Galicia solicitando información acerca de se o ente público concedeu ao Náutico unha prórroga para a execución das obras de construción dos peiraos do porto, de titularidade municipal, a pesar de que o prazo establecido para iso finalizou o pasado 31 de decembro. A rexedora pediu esta confirmación "a fin de poder impulsar as actuacións que correspondan en defensa do interese xeral municipal".

No escrito remitido a Portos de Galicia, a rexedora sanxenxina pon en coñecemento de Portos de Galicia a "existencia de certos movementos que veñen a indicar que por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo se están a retomar as obras de construción das instalacións náutico-recreativas", que tamén contan coa oposición veciñal a través do colectivo SOS Panadeira.

Os traballos foron autorizados no seu día polo organismo autonómico en réxime de concesión, a través de varias resolucións administrativas que foron recorridas polo Concello de Sanxenxo ante a autoridade xudicial. De feito, a demanda presentada polos servizos xurídicos municipais foi admitida a trámite por parte do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Dende o goberno local sanxenxino sinalan que "confiamos en que xuíz sentencie a favor do interese municipal, e polo tanto, do interese dos veciños e veciñas deste concello, dada a rotundidade das probas e informes periciais que presentamos e que corroboran a nosa posición contraria a esta actuación"

O Executivo municipal mostrou dende un principio a súa oposición a ese proxecto alegando á presión paisaxística que xerará sobre a costa esta infraestrutura dende a auga. O feito de que esta intervención do Real Club Náutico vulnere tanto o Plan Especial de Ordenación do porto coma o seu Plan de Utilización, e que contraveña as directrices fixadas polo Plan de Ordenación do Litoral, que cualifica á praia urbana dos Barcos como zona de protección intermareal -non estando permitido un uso construtivo-, son outros dos argumentos defendidos polo equipo de Goberno á hora de rexeitar a instalación.