A reanudación das obras de ampliación dos amarres do Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo encontrou de novo a oposición dos veciños, a traves da Plataforma SOS Panadeira, e do Concello.
Por unha parte, dende as 7:00 da mañá deste martes, integrantes da plataforma montaron garda para intentar obstaculizar os traballos e evitar "que nos roben dos playas a los vecinos por el interés privado de un señor", segundo defendeu Lupe Gómez como voceira do colectivo.
Os veciños aseguran que seguirán apostados fronte ás obras "el tiempo que sea necesario" para defender "un espacio público", polo que continuarán organizándose en quendas para estar presentes no lugar durante as horas de traballo.
A esta oposición únese a do goberno local, que fixo públicas as conclusións dun informe pericial encargado a un gabinete especializado en xestión ambiental para incorporalo na demanda interposta contra as resolucións de Portos de Galicia que outorgaron o permiso á ampliación dos peiraos.
Segundo este informe "a autorización vai ocasionar importantes efectos no uso público e turístico das praias dos Barcos e Panadeira, así como no seu contorno inmediato".
A xuízo destes expertos as obras poderían producir contaminación por mercurio ou turbidez nas augas, ademais de reducir o espazo público das praias ata o extremo de que "en marea baixa a profundidade máxima de baño equivalería a ter a auga á altura da cintura".