Reunión telemática para avanzar no futuro polígono industrial de Cuntis

Umia
05 de febreiro 2021

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantiveron este venres unha reunión telemática, na que participaron técnicos municipais e da sociedade SEA, para continuar estudando a viabilidade do futuro polígono industrial, ante a demanda empresarial existente

Reunión telemática do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo
Reunión telemática do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo / Concello de Cuntis

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantiveron este venres unha reunión telemática, na que participaron técnicos municipais e da sociedade SEA, para continuar estudando a viabilidade do futuro polígono industrial, ante a demanda empresarial existente.

Suelo Empresarial del Atlántico contratou o estudo de viabilidade do polígono, tras a solicitude presentada polo Concello, e na reunión, a modo de avance, comunicáronse os resultados iniciais.

"Están a analizarse os custos, as infraestruturas necesarias, tendo en conta os avances realizados polo Concello. Estes primeiros datos serán agora complementados coa documentación da que dispón o Concello", resaltou Beatriz Sestayo.

A xerente de SEA xa se desprazou o pasado mes de novembro a Cuntis para poder avaliar as posibilidades de desenvolvemento industrial na localidade e coñecer a demanda empresarial existente.

Suelo Empresarial del Atlántico xestiona 13 parques empresariais en Galicia, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados. Na provincia de Pontevedra encárgase dos parques empresariais de Vilanova de Arousa e Catoira. Trátase dunha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15,91% pola Xunta de Galicia, e nun 1,65% por ABANCA. Foi creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.