Delegados e delegadas da CIG concentráronse este mércores diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para protestar contra o novo acordo de xubilación parcial, coincidindo co seu debate no Congreso dos Deputados.
Marcos Conde, secretario comarcal de CIG Pontevedra, cualificou o acordo como "unha traizón á clase traballadora" e criticou duramente a postura de CCOO e UGT.
"En vez de facilitar que a xente se xubile anticipadamente e reducir a idade de xubilación, vai no sentido contrario", denunciou Conde durante a concentración.
O sindicalista advertiu que a xubilación parcial anticipada "vai desaparecer de facto en todos os sectores" e que a partir de 2029 "xa non se poderá xubilar ninguén desta forma".
Un dos aspectos máis criticados do acordo é que a decisión de acceder á xubilación parcial segue dependendo exclusivamente da empresa.
"Hai unha falsidade cando falan de que se incrementan os anos para adiantar a posibilidade de xubilación anticipada parcial de 2 a 3 anos, porque na práctica non se están facilitando as condicións", explicou o secretario comarcal.
A CIG reclama que a xubilación parcial sexa unha decisión do traballador e non das empresas, e defende a volta á xubilación anticipada aos 61 anos.
Conde subliñou as consecuencias para a mocidade: "Cando non hai reposición porque a xente non se xubila, á xuventude galega só lle queda a emigración".
O sindicato tamén demanda que se establezan coeficientes redutores para todos os sectores nos que os traballadores se están retirando por incapacidades, e que estes sexan "facilmente controlables e exixibles".
A mobilización forma parte dunha xornada de protestas en toda Galicia, na que a CIG denuncia o "escurantismo" do proceso de negociación e rexeita un acordo que, segundo a organización, supón outro retroceso nos dereitos da clase traballadora.