O Concello de Ribadumia celebrou este luns a primeira reunión da Mesa de Coordinación Local fronte á Violencia de Xénero.
Trátase dun novo espazo de traballo deseñado para mellorar a coordinación entre os distintos axentes implicados na prevención, a detección e a intervención ante as violencias machistas no ámbito municipal.
A mesa, que nace tras o impulso da Consellería de Política Social e Igualdade e da súa Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, pretende reforzar a atención ás mulleres vítimas de violencia e consolidar unha rede de respostas áxiles e articuladas desde o propio municipio.
A sesión tivo un carácter técnico, co obxectivo de sentar as bases de funcionamento da mesa, mellorar as canles de comunicación entre os distintos servizos e compartir información sobre os recursos dispoñibles.
Desde o equipo de goberno resaltouse o traballo desenvolvido nos últimos anos en materia de igualdade, prevención e sensibilización, con numerosas iniciativas dirixidas á cidadanía e, especialmente, á mocidade, que agora se enmarcarán dentro desta nova ferramenta de coordinación.
A orixe da mesa atópase nas xornadas formativas celebradas o 24 de setembro e o 1 de outubro impulsadas pola Consellería, nas que se subliñou a necesidade de fortalecer a coordinación interinstitucional a nivel municipal.
Posteriormente, o pleno do Concello aprobou por unanimidade a creación da mesa o 6 de novembro de 2025, dentro do marco do I Plan Municipal de Igualdade de Ribadumia.
Desde o goberno local han sinalado que a mesa terá continuidade no tempo e complementarase con futuras reunións abertas ao tecido asociativo, o ámbito deportivo e outros colectivos do municipio, co fin de recoller propostas e avanzar na prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva comunitaria.
Ademais, as conclusións e propostas que se deriven deste foro serán trasladadas ao CIM do Salnés, co obxectivo de garantir unha coordinación efectiva entre o ámbito municipal e o comarcal.