Ribadumia disporá de pediatra os mércores e venres no centro de saúde

Umia
20 de decembro 2022

José Flores, xerente da área sanitaria, anunciou ao alcalde David Castro a incorporación esta semana do novo profesional destinado a atención infantil e un efectivo de Servizos Xerais que realizará diariamente xestións organizativas. Pola súa banda, o BNG de Caldas denuncia a carencia de persoal médico de garda no PAC deste municipio poñendo en risco a vida dun menor este luns 19 de decembro

O xerente da área sanitaria anuncia a incorporación dun pediatra e un efectivo de servizos xerais á Atención Primaria de Ribadumia
O xerente da área sanitaria anuncia a incorporación dun pediatra e un efectivo de servizos xerais á Atención Primaria de Ribadumia / Sergas - Xunta de Galicia

José Flores, xerente da área sanitaria, anunciou este martes a incorporación dun novo pediatra á cobertura asistencial de Atención Primaria no Concello de Ribadumia. Este profesional desenvolverá a súa actividade para atención infantil no centro de saúde os mércores e venres de cada semana, efectuando tamén cobertura asistencial no Concello da Illa de Arousa durante os luns, martes e xoves.

A información foi trasladada polo xerente e a directora de Atención Primaria de Pontevedra e O Salnés, Marta Ocampo Fontangordo, ao alcalde de Ribadumia, David Castro, que visitaba coa concelleira de Contas, Pilar Martínez, o Hospital Provincial durante esta xornada.

Tamén desde a xerencia anunciaban a incorporación dun efectivo de Servizos Xerais (PSX) para realizar diariamente xestións organizativas e de planificación no centro de saúde. 

O SERGAS sinala que se están realizando reformas arquitectónicas no centro de saúde de Atención Primaria de Ribadumia e, unha vez finalizadas, incorporarase unha nova consulta para un futuro efectivo de Enfermería, que reforzará o persoal do centro, despois de sumarse en outubro un terceiro médico de Medicina Familiar.

CARENCIA DE PERSOAL MÉDICO NO PAC DE CALDAS

Pola súa banda, o BNG de Caldas denuncia a falta de persoal médico de garda no Punto de Atención Continuada (PAC) deste municipio. Esta agrupación denuncia que este luns ao redor das 02.00 horas, unha parella traslada ao seu fillo de moi curta idade con dificultades respiratorias ao PAC e comproban a ausencia de médicos.

O persoal de enfermería, que nun primeiro momento atendeu o menor, se viu excedido pola patoloxía urxente do neno, segundo indica o BNG. "Con gran profesionalidade, mantendo a calma dos seus proxenitores e do propio paciente alerta á central de coordinación do 061", indica o partido nacionalista. 

A continuación, mobilizouse a Ambulancia de Soporte Vital Básico con base en Caldas e a Ambulancia de Soporte Vital Avanzado (UVI móbil) con base en Vilagarcía. Unha vez que chegan a Caldas estas unidades se realiza un tratamento de urxencia ao menor logrando resolver a situación de emerxencia.

Manuel Fariña, portavoz do BNG, sinala que "a casualidade quixo que a esa hora e ese día a UVI móbil non estivese ocupada noutro servizo, nunha área sanitaria totalmente colapsada". Reclama á Xunta de Galicia todos os medios necesarios para que a cidadanía do municipio conte cunha tención sanitaria pública de calidade.