Ribadumia entrega a Cáritas os xoguetes recollidos durante a campaña solidaria

O Salnés
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:30

Os xoguetes doados, que foron depositados na Casa do Concello, na ferraxería Bricosalnés e no restaurante Os Castaños, serán repartidos entre as familias que máis os necesiten

Recollida de xoguetes da Asociación de Comerciantes 'Ribadumia Agárdate'
Recollida de xoguetes da Asociación de Comerciantes 'Ribadumia Agárdate' / Concello de Ribadumia

A recollida de xoguetes da Asociación de Comerciantes 'Ribadumia Agárdate', en colaboración co Concello, culminou este xoves 2 de xaneiro coa súa entrega a Cáritas de Barrantes.

Desde a Asociación destacaron que, nestas datas tan especiais, a cidadanía ten a oportunidade de contribuír co seu gran de area para axudar ás familias do municipio que non poden mercar regalos para os máis pequenos, achegándolles ilusión e felicidade.

"Deste xeito, tamén estamos transmitindo á nosa cativada e mocidade a importancia da solidariedade e outros valores humanos que caracterizan estas festividades", engaden.

Os xoguetes doados, que foron depositados na Casa do Concello, na ferraxería Bricosalnés e no restaurante Os Castaños, serán repartidos entre as familias que máis os necesiten, "para que todas as crianzas de Ribadumia poidan recibir un agasallo este Nadal".

O goberno local anima a toda a veciñanza a colaborar en iniciativas como esta e a ser xenerosos coas persoas que non dispoñen de tantos recursos ou oportunidades.