Ribadumia intensifica a roza de estradas e camiños para afrontar o verán con maior seguridade

O Salnés
29 de xuño 2026

Os traballos iniciáronse na parroquia de Sisán e avanzan polo resto das parroquias ata chegar a Lois, completando así o percorrido por todo o termo municipal

Roza da maleza nunha estrada Concello de Ribadumia

As tarefas de roza e sega nas marxes e noiros das estradas son operacións fundamentais de conservación viaria. A súa importancia radica na prevención de incendios, a mellora da visibilidade para os condutores e o correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe nas vías.

A xestión desta vexetación é unha obrigas das administracións titulares das estradas que tratan de evitar que as plantas invadan a calzada e enmascaren os sinais de tráfico e despexan as marxes e curvas para garantir manobras de evasión seguras.

Ademáis da seguridade vial, a roza e a sega desta matogueira redunda na prevención de incendios. Eliminar a maleza seca estival, actúa como devasa natural e reduce o risco de ignición por cabichas ou outros elementos.

Mantér as cunetas libres de obstáculos tamén facilita o libre paso da auga de choiva, evitando inundacións. Ademais, controla a proliferación de pragas.

O Concello de Ribadumia continúa coa segunda rolda de traballos de rozas e limpeza viaria nas distintas parroquias do municipio, unha actuación que se está a desenvolver de maneira progresiva seguindo a planificación establecida polos servizos municipais.

Os traballos iniciáronse na parroquia de Sisán e avanzan polo resto das parroquias ata chegar a Lois, completando así o percorrido por todo o termo municipal.

O alcalde de Ribadumia, David Castro, destaca que "o mantemento do municipio require unha planificación constante ao longo de todo o ano".

Esta segunda rolda de rozas permite ao Concello dar continuidade aos traballos nas distintas parroquias para que os camiños e espazos públicos se manteñan nas mellores condicións posibles.

Estas actividades de limpeza enmárcanse no plan de mantemento periódico que o Concello desenvolve ao longo do ano. David Castro insiste en que o obxectivo é conservar en bo estado as infraestruturas municipais e contribuír a unha mellor calidade de vida da veciñanza.