Ribadumia prepara a XXX Xuntanza dos maiores na Carballeira tras o éxito da Festa do Pan

O Salnés
13 de agosto 2025

As inscricións permanecerán abertas ata o 27 de agosto; a cita chega despois do evento multitudinario da Festa do Pan con múltiples actividades seguidas por milleiros de veciños de Ribadumia

Festa do Pan de Ribadumia 2025
Festa do Pan de Ribadumia 2025 / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia anunciou que o sábado 30 de agosto terá lugar na Carballeira a XXX Xuntanza dos nosos maiores, unha xornada pensada para recoñecer e acompañar á veciñanza sénior do municipio.

As inscricións manteranse abertas ata o mércores 27 de agosto nos Servizos Sociais do Concello de Ribadumia.

O programa da xornada inclúe unha misa ás 13.00 horas, seguida dun xantar popular a partir das 14.15 horas.

Durante a tarde celebrarase un bingo sorpresa e, para pechar a festa, a partir das 18.00 horas terá lugar unha gran velada de baile coa actuación de "La Sintonía de tu vida".

O Concello lembra aos interesados en participar na Xuntanza dos nosos maiores que para as persoas empadroadas en Ribadumia o prezo da inscrición é de 10 euros, mentres que o resto dos asistentes deberá pagar 30 euros.

Este evento celebrase logo do gran éxito da recente Festa do Pan de Ribadumia, que o sábado 9 de agosto reuniu milleiros de persoas na Carballeira.

Os asistentes puideron degustar diferentes modalidades de pan, observar as técnicas de elaboración tradicionais e probar os populares ovos fritidos no recinto, consolidando a cita como unha das máis concurridas do verán local.