A XXII Festa do Pan, organizada polo Concello de Ribadumia, ofrecerá este sábado 9 unha xornada completa de actividades dedidacas ao pan que combinan tradición, gastronomía e música nun evento para todos os públicos.
O programa dará comezo ás 17:00 horas coa recollida de sobremesas elaboradas con pan e empanadas de millo para os concursos que chegan este ano á súa XXII e XV edición, respectivamente.
Mentres, os máis pequenos poderán gozar de actividades infantís relacionadas coa elaboración do pan a partir das 18:00 horas, seguidas dunha Peque Disco Moc Moc ás 19:00 horas, na que nais, pais e fillos poderán bailar xuntos ao ritmo dos grandes éxitos dos anos 90 e 2000.
Un dos momentos máis destacados da festa será a saída ás 20:00 horas cara aos Muíños do Batán, acompañados polo grupo Xironsa e o grupo de teatro Alecrín.
Alí realizarase unha representación tradicional da moenda do millo do país, o amasado e a elaboración do pan de millo, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man este proceso ancestral.

De volta á Carballeira, ás 22:00 horas, terá lugar a entrega de premios aos finalistas dos concursos e unha cea de confraternidade amenizada con música tradicional, na que se poderán degustar distintas variedades de pan.
Para completar a oferta gastronómica, haberá postos de polbo, empanadas e sobremesas a prezos populares, ademais de ovos fritos con pan a 2 euros, viño tinto do Salnés a 3 euros, tostas a 2,50 euros e papas de fariña milla ou chulas a 1,50 euros.
A verbena estará a cargo do Grupo Vilamariachi a partir das 23:30 horas, e á medianoite elaborarase unha queimada que se ofrecerá gratuitamente a todos os asistentes. O evento está preparado para acoller ata mil persoas, aínda que non se reservan mesas.
O Concello de Ribadumia anima aos veciños e visitantes a acudir caracterizados ao estilo da Ribadumia dos anos 50, para recrear o ambiente tradicional que rodea esta festa dedicada a un dos alimentos máis emblemáticos da cultura galega.