Rodas e colchóns no río

Pontevedra
27 de xaneiro 2018

Oito pneumáticos, un colchón e 12 sacos cheos de lixo do máis variado como plásticos, múltiples cascallos de obra, madeiras, botellas ou latas baleiras. Esa é a singular colecta que recolleron este sábado os voluntarios do colectivo ambientalista Vaipolorío no transcurso dunha xornada de limpeza de voluminosos

Xornada de limpeza no río Tomeza

Oito pneumáticos, un colchón e 12 sacos cheos de lixo do máis variado como plásticos, múltiples cascallos de obra, madeiras, botellas ou latas baleiras. Esa é a singular colecta que recolleron este sábado os voluntarios do colectivo ambientalista Vaipolorío no transcurso dunha xornada de limpeza de voluminosos.

Os traballos arrancaron ás dez da mañá e centráronse en tres puntos á beira do río Tomeza, que é a denominación que toma o tramo peregrino do Gafos que discorre paralelo ao Camiño de Santiago atravesando esa parroquia pontevedresa.

A empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo do concello de Pontevedra, Ferrovial Servicios, fíxose cargo da xestión destes residuos que lle foron entregados.

A aparición deste tipo de materiais de refugallo provoca unha perda de calidade ecolóxica das canles dos ríos como fonte de vida, riqueza, saúde e lecer. Neste asunto as administracións deberían ter un papel principal na vixilancia e o coidado das contornas fluviais.

Vaipolorío, coa súa militancia ecoloxista e a súa chamada constante á participación cidadá, lémbranos que todos nós tamén podemos ser parte da solución.