Rogelio Carballo, presidente da Fanpa Pontevedra, aclara que a apertura de matrículas dos comedores escolares só é estimativa

Pontevedra
06 de agosto 2020

Desde a Federación Provincial de Nais e Pais, alertan de que todo está pendente de que a Consellería de Educación emita este mes un escrito con aclaracións sobre o protocolo que poidan permitir o desenvolvemento dos comedores escolares e ofreza seguridade xurídica aos colectivos que prestan este servizo nos centros de ensino

Xuntanza entre Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, e César Pérez Ares, xefe territorial de Educación (arquivo)
Xuntanza entre Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, e César Pérez Ares, xefe territorial de Educación (arquivo)

Rogelio Carballo, presidente da Federación Provincial de Anpas de Pontevedra (Fanpa), afirma que a Consellería de Educación mentiu ao indicar que a apertura do prazo de inscrición da matrícula para os comedores escolares vai levarse a cabo a próxima semana. Aclara que esta matrícula será só estimativa pero, polo momento, a apertura dos comedores escolares está suspendida.

O máximo representante da Fanpa afirma que a Consellería de Educación, a través do Xefe Territorial César Pérez Ares, comprometeuse a que ao longo deste mes de agosto se emita un escrito no que se realizarán aclaracións interpretativas sobre o protocolo da Xunta para regular este servizo.

Unha vez que conten con ese documento, os colectivos que xestionan os comedores escolares comprobarán coa estimación de matrículas e os datos estatísticos que manexan de anteriores cursos se é viable a apertura deste servizo.  "Depende de como se interprete ou modifique o protocolo actual, se non será imposible", indica Rogelio Carballo, que reclama garantías xurídicas para que se poida levar a cabo esta actividade nos centros escolares.

Neste sentido, desde a Fanpa van medirse todos os espazos para ver que ocuación de estudantes poden ter, establecerán quendas, analizarán os datos históricos de comedores, atendendo ao número de alumnos, seguindo as cifras de asistencia por idades e por niveis educativos.

"Queda moito por discutir", afirma Carballo ao sinalar que nin a Fanpa nin as Anpas poden pagar desinfeccións antes e despois de cada comida en e segundos e terceiros espazos habilitados para servir as comidas. E ademais, apunta a que aínda hai que comprobar que se poida resolver a cuestión dos horarios e a disposición de aulas para crear comedores nos centros educativos porque, en moitos deles, hai escaseza de espazo.

"É un proceso extraordinariamente complexo. Non se resolve enseguida", sinala o máximo representante das Anpas da provincia, que reclama unha solución universal para todos os comedores escolares que ofreza as suficientes garantías para iniciar o servizo. Do contrario, asegura que os comedores non entrarán en funcionamento no inicio do curso escolar.