Tino Fernández insta a Feijóo a buscar "xa" un acordo co Concello para a limpeza dos colexios

Pontevedra
15 de agosto 2020

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, asegura estar "moi preocupado" ante a actitude de "desidia e pasotismo" que a Xunta mantén cos concellos e a comunidade educativa ás portas do inicio do curso escolar

Tino Fernández, tenente de alcalde
Tino Fernández, tenente de alcalde / Concello de Pontevedra

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, asegura estar "moi preocupado" ante a actitude de "desidia e pasotismo" que a Xunta mantén cos concellos e a comunidade educativa ás portas do inicio do curso escolar.

Por iso, o edil socialista insta a Núñez Feijóo a depoñer "a deriva autoritaria e insolidaria na que está inmerso dende a xornada electoral" e a iniciar "xa" o camiño do diálogo para chegar a un acordo co Concello "baseado na coordinación e a corresponsabilidade" para a limpeza dos centros educativos.

"Aínda estamos a tempo de facer as cousas sen imposicións. Os concellos non imos ser os 'paganinis' duns protocolos draconianos, asumindo competencias que non son nosas", sinala Fernández.

Ante as declaracións nas que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, "bota balóns fóra e pide responsabilidade aos concellos", o edil do PSOE afirma que "aquí non falta ningunha responsabilidade, o que faltan son cartos", constatando que a limpeza dos colexios suporá para o Goberno local "un sobrecuste de case un millón de euros, se non se inclúen os ximnasios, e por encima dos dous millóns de euros ao incluír os ximnasios".

Na súa opinión, "é de xustiza que a Xunta 'afrouxe' o peto, xa que as comunidades autónomas van recibir uns 2.000 millóns de euros do Estado". "Se Feijóo quere, podemos chegar a un acordo baseado na corresponsabilidade, pero non aceptaremos imposicións", apunta.

Neste sentido, Tino Fernández lamenta que non houbese "nin unha soa conversa sobre un asunto tan importante" e lémbralle ao 'popular' que "gañar unhas eleccións autonómicas non dá impunidade e patente de corso para tratar á comunidade educativa de xeito despótico".

Por último, o tenente de alcalde denuncia a "situación desesperada de nais e pais, aos que están practicamente acurralando na incerteza e que van iniciar o curso sen comedores escolares (uns 1.100 alumnos  se verían afectados en Pontevedra) e sen Plan Madruga (uns 400)".

"Resulta incomprensible que, na situación que estamos a vivir, queiran lavar as mans, carguen aos profesores cunha responsabilidade engadida e sometan aos directores a unha tremenda presión sen asumir as súas competencias. Que non teñan esa cara de formigón armado e 'apoquinen' o que lles corresponde", sostén Fernández.