Román Rodríguez enxalza o gran momento da industria cultural galega e a súa capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo

Pontevedra
02 de decembro 2023

A Xunta repite como principal patrocinadora desta cita na que haberá presentacións do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, das residencias artísticas do Gaiás ou os encontros cos artistas da aceleradora musical Sonemerxente, entre outros

Apertura de Culturgal 2023 no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra
Apertura de Culturgal 2023 no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra / Mónica Patxot

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou este venres 1 de decembro a 16ª edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se celebra ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra coa ollada posta na captación de públicos e no avance dos fitos culturais que protagonizarán o 2024 na nosa Comunidade. Na súa intervención, fixo especial fincapé na solidez e a competitividade da industria cultural galega, á que puxo como exemplo de modernización e capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo. 

A Consellería destinará a este sector 105M€ nos Orzamentos de 2024, que volven medrar, especialmente no reforzo de fondos propios, e reclamou que o sector cultural precisa tamén do compromiso do Executivo central para garantir "un desenvolvemento innovador e competitivo nos vindeiros anos". Tal e como explicou, así o vén de trasladar esta semana nunha carta dirixida ao novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que reitera a importancia da elaboración dun PERTE para a cultura, que o seu antecesor non impulsou, para fortalecer e recoñecer o seu valor para a sociedade e o seu peso na economía. 

Así mesmo, no relativo á lingua galega, tamén incidiu na necesidade de que, no marco do PERTE da Nova Economía da Lingua, se trasladen a Galicia os fondos necesarios para que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos ou da intelixencia artificial ao mesmo nivel que calquera outra lingua co Proxecto Nós. "Esperamos que nesta nova etapa poidan axilizarse e concretarse estas inversións e outras que afectan aos nosos bens culturais e patrimoniais e que poidamos avanzar nun mellor futuro para Galicia", engadiu.  

PRIORIDADES DA POLÍTICA CULTURAL

Román Rodríguez indicou que a estratexia da política cultural da Xunta continuará articulándose arredor do Plan Xeración Cultura, que en 2023 ten suposto unha inxección económica de 34 millóns de euros e do que avanzou algunhas das prioridades para o ano que vén: "Manter o crecemento do sector nun contexto de incremento da oferta e da demanda cultural, apostar pola modernización das estruturas empresariais e de creación para a adaptación da cultura galega aos novos contextos dixitais e usos tecnolóxicos, e, por suposto, seguir garantindo o acceso universal á cultura e impulsando o talento".

Entre as principais medidas ao respecto salientou, por exemplo, o desenvolvemento do pioneiro Centro Galego de Artes Dixitais e da Galicia Film Commission, a próxima aprobación da Lei de Cultura Accesible e Inclusiva ou as actuacións do Plan Catedrais. Neste marco, animou o público a acudir a esta 16ª edición de Culturgal para coñecer de primeira man as novidades da oferta cultural galega dos vindeiros meses e gozar dos espectáculos, presentacións, exposicións e demais experiencias programadas.

CONCERTOS, EXPERIENCIAS VIRTUAIS E VIDEOXOGOS

A Xunta de Galicia repite como principal entidade patrocinadora da feira, coa que tamén colabora mediante a promoción directa dunha trintena de actividades tanto no expositor institucional que quedou instalado no recinto feiral como noutros espazos comúns de Culturgal.

Entre elas, o concerto da xira de despedida de Leilía este sábado ás 21,00 h., as presentacións de diferentes iniciativas autonómicas de promoción cultural, as experiencias de realidade virtual e aumentada Galiverso. O vello Portomarin e Hábitats Natureza Estendida, a exposición interactiva sobre o videoxogo en Galicia ou a competición diaria de tres videoxogos galegos: Super Woden GP, de Vijuda, xogo de rallies para gamers en xeral; Avoo, de Iseltec, un trivial interxeracional para toda a familia, e Grelo, de Colectivo Arume, unha proposta de obstáculos na que poden participar todos os públicos.

En concreto, a actividade promovida pola Xunta do venres arrancou coa entrega dos premios Nós tamén creamos! para alumnado de Infantil e Primaria e co anuncio da xira de Nadal dos Bolechas. Tras a inauguración oficial de Culturgal, tivo lugar o avance das actividades que marcarán a celebración do 40º aniversario do Centro Dramático Galego, ao que seguiu unha acción escénica a cargo de Teatro ó Cubo coa proposta teatral De Vilatriste a Vilalegre.

Xa pola tarde, o Espazo Música acollía ás 16,00 horas a presentación das propostas seleccionadas este ano no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, e ás 17,00 h un coloquio arredor da primeira edición da aceleradora Sonemerxente para proxectos musicais, da que se avanzarán as novas incorporacións para 2024. O público puido gozar, así mesmo, dun showcase a cargo de Helena Egea, unha das artistas seleccionadas na primeira edición desta iniciativa da Xunta, coa colaboración da Fundación Paideia.

O Espazo Escena foi ás 18,00 h o escenario para un encontro cos gañadores do Premios Xuventude Crea, mentres que no Espazo Infantil tivo lugar a presentación dos últimos videoclips de Cholo e Nela ás 19,00 h. A actividade preparada para a xornada inaugural completouse co recital poético-musical DES A MAR Ultrasónico, no que Álvaro Iglesias pon melodía aos versos de Elba Pedrosa, ás 19,00 h no Espazo Letras

Toda a programación da Xunta de Galicia en Culturgal poden consultarse en cultura.gal.