A Policía Local e a Garda Civil manteñen aberta unha investigación para esclarecer o roubo con forza cometido na piscina municipal durante a madrugada deste luns.
O suceso deixou importantes danos materiais nas instalacións.
Segundo informaron fontes municipais, unha patrulla da Policía Local que realizaba unha rolda de vixilancia nocturna detectou unha xanela aberta e signos evidentes de que a porta principal fora forzada.
Ao inspeccionar o interior do recinto, os axentes comprobaron a ausencia da caixa rexistradora, que posteriormente foi achada no exterior do edificio. No seu interior había uns 150 euros procedentes de pagos en metálico realizados por algúns usuarios.
O roubo causou danos tanto na porta principal como nunha das xanelas, pola que presuntamente accederon os autores.
Os axentes de ambos os corpos colaboran agora na investigación para tratar de identificar aos responsables e solicitaron a colaboración cidadá por si alguén puidese achegar información sobre o ocorrido.
Sanción por vertedura ilegal de residuos en Soutullo
Noutra orde de cousas, a Policía Local de Sanxenxo localizou á persoa responsable dunha vertedura incontrolada de residuos nas proximidades dun colector situado en Soutullo. Segundo o parte policial, o individuo depositara 16 colchóns, 53 caixas de bebidas, 10 cadeiras, dúas tumbonas, un cabecero de cama, restos de azulexos e uralita.
O autor comprometeuse a retirar os residuos mediante unha empresa especializada, mentres a Policía tramita unha sanción por incumprimento da ordenanza municipal de Medio Ambiente.
