Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con fillos federados de entre 6 e 16 anos

Pontevedra
18 de setembro 2023

Destaca que esta axuda, que se incluirá nos Orzamentos de 2024, permitirá a compra ou renovación de material e equipamento deportivo, acudir a clases ou anotarse nun centro deportivo

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo. 

Destacou que esta iniciativa, dirixida a deportistas federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as familias e incentivará as compras no comercio galego.

Así o anunciou na reunión cos membros do Goberno galego na que se abordaron os feitos e próximos obxectivos da Xunta na liña das políticas do Goberno galego "desde as persoas e para as persoas" e incidiu en que "a axenda da Xunta é a axenda de Galicia". 

Neste sentido, tamén apuntou que xa se está traballando para elaborar un teito de gasto que permita contar cunhas contas públicas de fronte ao ano que vén.