Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, asistía este luns no municipio coruñés de Arteixo á entrega das bandeiras azuis concedidas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que este ano se reparten en 113 praias, 12 portos deportivos e 14 centros azuis da comunidade. Segundo manifestou o presidente do executivo galego neste acto, estes distintivos acreditan a Galicia como unha comunidade comprometida coa conservación do patrimonio natural e consolídase como destino turístico sostible.
Lembrou que unha de cada cinco praias españolas con bandeira azul é galega, sendo a terceira comunidade con máis recoñecementos. Rueda tamén quixo insistir en que Galicia recibiu un 19% máis de visitantes durante o primeiro cuadrimestre deste 2023 e bateu o límite histórico de pernoitas ao lograr 2,3 millóns.
O acto celebrábase na praia de Valcovo coa presenza de Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente; a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e representantes de distintos municipios galardoados con bandeiras azuis.
Sanxenxo recibía o distintivo para 17 praias, os seus tres portos e para o Centro de Interpretación da Telleira, sendo o municipio de España con máis galardóns. María Deza, alcaldesa en funcións, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, asistían ao acto do mesmo xeito que Paula Martínez, concelleira de Facenda, encargada de recoller a bandeira do porto Juan Carlos I. Como representantes do Real Club Náutico de Sanxenxo reccibían a insignia Carlos Agra e do Club Náutico de Portonovo, o presidente Javier Ruiz de Cortázar.
Ao acto tamén asistían, entre outras autoridades, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que este verán presentará bandeiras azuis en Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que recibe a bandeira pola praia fluvial da Calzada. Tamén acudía Álvaro Carou, concelleiro de Turismo de Vilagarcía, que este ano lucirá a marca na praia do Campanario, en Bamio, e no areal urbano de Compostela.
Nos próximos días está previsto que as bandeiras azuis ondeen co inicio, a partir do 1 de xullo, da tempada de baño.