Rueda pon de exemplo a Poio e á Deputación de Pontevedra do cambio político que agarda en España

Poio
14 de xullo 2023

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda; a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor; e o alcalde e presidente local do PP, Ángel Moldes, participaron nun mitin celebrado no exterior do Mosteiro de Poio na noite deste xoves. Rueda afirmou que o tempo do populismo en España está esgotado e que é o momento "de solvencia e da seriedade do proxecto que encarna Alberto Núñez Feijóo"

Mitin do PP diante do Mosteiro de Poio
Mitin do PP diante do Mosteiro de Poio / PP de Galicia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda; a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor; e o alcalde e presidente local do PP, Ángel Moldes, participaron nun mitin celebrado no exterior do Mosteiro de Poio na noite deste xoves.

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda afirmaba que o tempo de populismo en España está esgotado e que é o momento "de solvencia e da seriedade do proxecto que encarna Alberto Núñez Feijóo". Explicou que no PP defende unha política útil baseada en escoitar á xente, facendo propostas e ofrecendo solucións concretos.

Criticou o "ninguneo" do goberno de Pedro Sánchez a Galicia utilizando como exemplos o aprazamento da chegada dos trens Avril, a mala xestión de fondos europeos ou a paralización da transferencia da AP-9.

Tamén fixo referencia á situación do litoral galego e destacou que en Poio serían preto de oitenta damnificados coa aplicación das políticas impulsadas polo Goberno xa que afectaría a empresas, instalacións deportivas e colexios. E defendeu a Lei do litoral de Galicia para garantir a continuidade destas actividades.

Concluíu lembrando que o 28 de maio foi o momento do cambio en Poio e na Deputación de Pontevedra e espera que o 23 de xullo sexa o momento do cambio en España apostando polo diálogo e a cooperación.