Sábado de danza participativa na rúa para superar situacións de tristeza

Pontevedra
28 de xullo 2022

Plié Dance School ofrecerá a partir das 11.00 horas deste sábado 30 de xullo unha dobre sesión na Praza de España para fomentar o baile nun ambiente familiar. Esta actividade forma parte do programa 'A vida é movernos' do Concello de Pontevedra. A actividade é de balde para todas as persoas interesadas en participar nestas dúas accións dunha duración de corenta minutos

Presentación de 'Únenos a danza', actividade dentro da campaña 'A vida é movernos'
Presentación de 'Únenos a danza', actividade dentro da campaña 'A vida é movernos' / Concello de Pontevedra

A Praza de España converterase nunha pista de baile durante a mañá deste sábado dentro do programa 'A vida é movernos', que promove a concellería de Deportes do Concello de Pontevedra. Plié Dance School ofrecerá unha dobre sesión de danza para todas as persoas interesadas en participar ou simplemente observar esta proposta que busca potenciar as relacións sociais e fomentar a empatía dentro dun ambiente familiar.

Desta forma presentaban Tino Fernández, concelleira de Deportes, e Pilar Torelli, representante de Plié Dance School, esta acción que se iniciará ás 11.00 horas deste 30 de xullo, sen limitación de público e gratuíta. Haberá unha sensión de dance hall e outra de fitdance, de corenta minutos de duración cada unha con explicación previa para que os participantes coñezan os movementos e desenvolvan as sinxelas coreografías.

Os únicos requisitos para participar, segundo as organizadoras, é levar ganas e roupa cómoda. Tino Fernández explicaba que estas actividades achegan alegría e enerxía positiva, que axuda a sorrir e a socializar dentro da campaña que este ano se desenvolve para loitar contra os problemas de saúde mental "nuns tempos que non son de vida fácil", explicou o concelleiro de Deportes. Coa proposta quérese gañar espazo á tristeza e á depresión a través do baile e a danza.

Pilar Torelli tamén expoñía que esta actividade permite fomentar o apoio entre as persoas nunha proposta non competitiva que axuda a pasar "un bo momento con amigos ou descoñecidos". As sesións están elaboradas para facilitar a participación de escolares, adolescentes e adultos.