Sábado, xornada de portas abertas no Centro Sur de Campolongo

Pontevedra
25 de setembro 2015

Os colectivos que alí desenvolven a súa actividade ábrense a toda a cidadanía para explicar as súas propostas culturais e sociais. A xornada desenvolverase este sábado 26 de setembro desde as 18:30 horas

Membros de colectivos que forman parte do Centro Sur
Membros de colectivos que forman parte do Centro Sur / Mónica Patxot

Os colectivos e asociacións que enchen día a día de actividade o Centro Sur, en Campolongo, serán os protagonistas este sábado 26 de setembro da xornada de portas abertas do centro social.

"Interésanos moito que estas asociacións sexan coñecidas", explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, polo que a xornada está aberta "a toda a cidadanía".

Dará comezo ás 18:30 horas e contará con diversas actividades e exhibicións, ademais de ofrecer un petisco para todos os asistentes.

O Centro Sur, a falta de poder acometer a reforma das plantas superiores, atópase actualmente "a tope" de capacidade, sendo ocupado polas asociacións vecinais Amigos de Campolongo e Salcedo Norte, o Fondo Galego de Cooperación, o Coro de Maiores, a Sociedade Polifónica de Pontevedra, a Sociedade Galega de Antropoloxía e o Cineclub.

Ademais o pavillón anexo ao centro está sendo utilizado actualmente polos clubs de taekwondo e esgrima da cidade.