Sae a licitación a reordenación da avenida da Coruña, que cambiará sentidos de tráfico arredor de Pasarón

Pontevedra
16 de decembro 2019

A intención do goberno local é quitar os tráficos de paso e de axitación que se rexistran nesta zona para que o barrio da contorna do Burgo conte cunhas condicións de vida de alta calidade urbana

Imaxe aérea do Estadio de Pasarón
Imaxe aérea do Estadio de Pasarón

A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobou este luns o expediente de contratación para reordenar o tráfico na avenida da Coruña, na contorna do Burgo. O prazo para executar a obra establécese en tres meses e o importe supera os 191.869 euros, co IVE engadido. 

Anabel  Gulías, a portavoz do goberno, explicaba que este proxecto englóbase dentro dunha obra máis ambiciosa na que está prevista unha reforma no barrio do Burgo coa intención de eliminar os tráficos de paso e de axitación que se rexistran na zona. A idea, explicaba a concelleira, é que esta zona conte con condicións de vida de alta calidade urbana.

A reordenación de tráfico contempla cambiar o sentido de circulación da avenida da Coruña, que pasaría a ser de subida en todo o vial. Coa obra que se licitou se reacondicionarán as beirarrúas, cambiaranse os colectores ao outro lateral da rúa e van acometerse pequenas obras de reforma. 

Tamén se cambiará o sentido de circulación do tramo de Luís Otero que rodea o estadio de Pasarón por detrás da bancada norte e por detrás da bancada de preferencia con saída cara á rotonda da avenida de Compostela. A Rúa da Santiña, a partir de Valentín Paz Andrade, modificarase neste segundo tramo de forma que quede de sentido único de saída.