Salcedo debate sobre o futuro do rural nas V Xornadas de Montes Comuñais

Pontevedra
17 de outubro 2025

O encontro reúne este sábado a especialistas en xestión forestal e arqueoloxía, cun documental e mesa redonda sobre modelos sostibles e alternativos

Xornadas de Montes Comuñais Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo

O Centro Social de Salcedo – Casa Verde acolle este sábado 18 de outubro as V Xornadas de Montes Comuñais, un foro de divulgación e debate sobre a xestión, o presente e o futuro dos montes en man común en Galicia.

O encontro, organizado pola Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo, desenvolverase de 17:00 a 20:30 horas.

As xornadas reunirán especialistas en desenvolvemento rural, arqueoloxía e xestión forestal comunitaria co obxectivo de reflexionar sobre modelos sostibles, participativos e alternativos á explotación forestal especulativa.

Tras a apertura a cargo de Teresa Covelo Lores, vicepresidenta da Comunidade de Montes de Salcedo, Alberte Blanco Casal, enxeñeiro técnico industrial e exdirector xeral de Montes, impartirá a conferencia "O desenvolvemento como alternativa ao caos forestal e social do rural"

Seguidamente, Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, ofrecerá a conferencia "O poder das pedras e daqueles que as poden xestionar. Comunidade de montes e arqueoloxía".

Ás 18:30 horas presentarase e proxectarase o documental "O monte coidará de nós", unha crónica da restauración patrimonial do Monte Comunal de Salcedo realizada pola Sociedade Antropolóxica Galega. No acto intervirán o director do filme, Rafael Quintía, e o realizador audiovisual João Bieites.

Finalizará cunha mesa redonda e coloquio baixo o título "Presente e futuro dos montes en man común" (19:45 horas), moderada por Rafael Quintía Pereira, quen afirma que estas xornadas buscan "poñer en valor o monte comunal como un patrimonio colectivo e un motor de desenvolvemento sostible, esencial para o futuro do rural galego"

A clausura, prevista para as 20:30 horas, correrá a cargo de Fernando Pintos Pereira, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, seguida dun petisco de confraternidade.