Salcedo e Figueirido ratifican o acordo con Defensa polos terreos da Brilat

Pontevedra
01 de decembro 2013

Ambas as dúas comunidades de montes celebraron este sábado unha asemblea na que se aceptou a proposta de convenio con Defensa que inclúe a cesión de terreo comunal ao Ministerio por espazo de 75 anos. Vilaboa reúnese este domingo mentres San Xulián aínda non fixou data para votar o acordo

Asemblea da Comunidade de Montes de Salcedo Diego Torrado

A continuidade da Brilat na súa actual situación deu un paso de xigante coa ratificación este sábado da proposta de convenio de Defensa por parte das comunidades de montes de Salcedo e Figueirido.

Ambas as dúas organizacións comunais reuníronse en asemblea para votar o acordo que establece a cesión por 75 anos dos terreos nos que se establece actualmente a Base General Morillo, sempre que a consellería de Medio Rural autorice este prazo, ao ser o máximo establecido na Lei de Montes de 30 anos.

Para que a firma do convenio sexa efectiva falta tamén a conformidade dos comuneros de Vilaboa, que se reúnen este domingo, e os de San Xulián de Marín, se ben estes últimos aínda non fixaron unha data para votar a proposta de Defensa.

Un dos puntos claves do texto negociado entre todas as partes é o canon anual que aboará o Ministerio, fixado finalmente en 0,18 euros por metro cadrado que deberán ser aboados nos primeiros seis meses de cada ano.

No caso de Salcedo aprobouse, por ampla maioría aínda que con algunha discrepancia, ceder aproximadamente 72 hectáreas de monte, mentres en Figueirido, con case 14 hectáreas afectadas, se aceptou o documento de xeito unánime.

De todos os xeitos, a pesar de ratificarse o acordo, este quedará suspendido para Figueirido e Vilaboa mentres non se resolvan os recursos xudiciais presentados no seu momento.

Arquivado en