A SCD Salcedo non pode máis. Ante o novo atraso anunciado nas obras de construción do campo de fútbol da parroquia, provocado pola quebra dunha das empresas adxudicatarias, volverán manifestarse polas rúas de Pontevedra.
Será o vindeiro venres 10 de febreiro, ás 19:30 horas, cunha mobilización que partirá do Hospital Provincial, segundo anuncia esta sociedade cultural e deportiva.
A entidade lamenta que, tendo a disposición os terreos desde 2020, tres anos despois "aínda seguimos sen instalacións", algo que atribúen ao "deixamento" do goberno municipal.
Lembran que "se tardou en formalizar o proxecto" e despois a obra atrasouse por problemas coas redes eléctricas e de abastecemento de auga, pero a quebra desta empresa foi a pinga que colmou o vaso.
O club sostén que "se coñece desde máis dun ano" a situación pola que atravesaba esta empresa e que ía renunciar ao proxecto. A pesar diso, aseguran, "esperouse ata agora" para sacalo de novo a contratación, para o que haberá que revisar o custo.
Este novo trámite, segundo a SCD Salcedo, atrasará varios meses máis este proxecto.