O mariñeiro ghanés Samuel Kwesi, un dos tres superviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá), será unha das persoas galardoadas co Premios 10 de Marzo, que concede anualmente o sindicato Comisións Obreiras e a súa fundación.
Kwesi, unha peza crave na investigación deste sinistro marítimo, compartirá honras coa maxistrada Paz Filgueira Fernández, experta en violencia de xénero, e co dirixente sindical Xosé Lamela Cacheiro.
O acto de entrega da edición número 35 de estos premios terá lugar o sábado 7 de marzo, na Cidade da Cultura de Santiago.
Estes galardóns recoñecen traxectorias vitais e profesionais que exemplifican o compromiso coa loita sindical, cos dereitos da clase traballadora, coa defensa da democracia e coa igualdade, subliñan desde CC.OO.
O sindicato indica que estas tres figuras, cada unha no seu ámbito, "responden á perfección" ao espírito dos premios, que se entregan coincidindo co Día da Clase Obreira Galega.
Para o xurado, Samuel Kwesi, nado en Ghana e residente en Marín, personifica a historia de miles de migrantes que, co seu esforzo diario, "constrúen a riqueza das nosas costas".
No seu caso, engaden desde Comisións Obreiras, tivo que asumir un papel que nunca pediu: o de supervivente e testemuña do naufraxio do Villa de Pitanxo, ocorrido o 15 de febreiro de 2022 en augas de Terranova e que levou a vida de 21 dos 24 tripulantes.
A súa declaración na Audiencia Nacional contradicindo a versión oficial da armadora "foi mostra de valentía e coraxe cívico", sentencia CC.OO., ademais dunha "excepcional contribución" á defensa dos dereitos laborais da xente do mar.
Os tres galardoados sucederán no palmarés destes premios á xornalista Ana Pardo de Vera, á escritora e pedagoga Ánxela Loureiro e a Pilar Tellado, histórica sindicalista galega.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.