San Xurxo de Sacos, en festas este sábado para celebrar o seu patrón

Cerdedo Cotobade
24 de abril 2025
Actualizado: 17:54

Haberá unha misa solemne, un concerto do grupo de gaitas Foula e, xa pola noite, a festa rematará cunha verbena a cargo da orquestra Magos e a discoteca móbil Dolce Vita

Presentación das festas patronais de San Xurxo de Sacos
Presentación das festas patronais de San Xurxo de Sacos / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e membros da comisión de festas presentaron este xoves os actos organizados para celebrar as Festas de San Xurxo de Sacos.

Serán este sábado 26 de abril na emblemática carballeira da parroquia.

As actividades comezarán ás 13:00 horas cunha misa solemne na honra de San Xurxo, que estará acompañada polo Coro de Tenorio.

Ao remate dos oficios relixiosos terá lugar unha sesión vermú a cargo do grupo de gaitas Foula, que amenizará coa súa música tradicional o ambiente festivo do entorno da igrexa.

Xa pola noite haberá unha verbena coa orquestra Magos e a discoteca móbil Dolce Vita, que se encargarán de animar e incitar ao baile aos presentes.

Cubela agradeceu aos membros da comisión de festas o traballo que realizan para manter vivas as tradicións da vila, impulsar esta celebración e ofrecer á veciñanza un programa festivo para honrar ao patrón da parroquia.

Este tipo de festas, segundo o alcalde, favorecen o encontro veciñal e o divertimento colectivo.