Sanidade habilita a sede da Xunta en Campolongo como centro de vacinación masiva

Pontevedra
10 de novembro 2021
Actualizado: 19:37

A partires do vindeiro venres 19 de novembro inoculará doses dende un espazo específico emprazado na área de exposicións do andar principal deste edificio administrativo, polo que se estima que se acheguen unha media diaria de arredor das 1.700 persoas

Edificio da Xunta en Campolongo
Edificio da Xunta en Campolongo / Mónica Patxot
A sede da Xunta en Campolongo será o novo centro de vacinación masiva /

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés disporá en Pontevedra dun novo punto de vacinación poboacional COVID a partires do vindeiro venres 19 de novembro de 2021 para inocular doses dende un espazo específico emprazado na área de exposicións do andar principal do edificio administrativo da Xunta de Galicia no barrio pontevedrés de Campolongo.

Cunha dotación de dez efectivos de Enfermaría e dous profesionais administrativos, o novo punto de vacinación poboacional contra a covid-19 da área sanitaria na capital provincial terá habilitados dez puntos de vacinación así coma un circuíto adaptado de entrada e saída, sen barreiras arquitectónicas, que delimitará a actividade e os tránsitos conforme aos protocolos de seguridade establecidos na normativa vixente.

Segundo os cálculos de frecuentación que manexa a área sanitaria, prevése que se acheguen unha media diaria de arredor das 1.700 persoas por este novo punto de vacinación poboacional na área de exposicións do andar principal do edificio administrativo pontevedrés da Xunta de Galicia en Campolongo. 

Dito colectivo poboacional recibirá as doses de vacina en franxas de actividade que se desenvolverán en turnos de mañá e de tarde.

Toda vez que se descartaron outras ubicacións para efectuar esta cobertura vacinal poboacional, a Administración Sanitaria Pública galega amosou o seu agradecemento polas xestións e a colaboración interinstitucional tanto da Deputación Provincial de Pontevedra coma do Concello capitalino, que aportaron durante este tempo outras alternativas de emprazamento ao anterior punto de vacinación no Recinto Feiral.

Durante estes días, segundo a información municipal, se estudaron diversas opcións. Entre elas, foron analizados os centros sociais de Marcón e de Monte Porreiro. Tamén se contactou coa Brilat e os técnicos municipais e da Consellería de Sanidade viron a alternativa de instalar unha carpa na rúa Raíña Vitoria ou noutro punto da cidade e mesmo a posibilidade de alugar unha nave privada para desenvolver nela a vacinación masiva.

Segundo o gabinete de comunicación do Concello, a selección do emprazamento fíxose sempre atendendo a unha cuestión puramente técnica seguindo as opinións dos expertos sobre o terreo. Engaden que sempre houbo unha comunicación fluída entre as entidades e que o Concello manterá unha posición colaborativa neste eido.