Sanidade mantén oito municipios da área sanitaria en alerta vermella: Cambados rebaixa a preocupación e súmase á lista Soutomaior

Pontevedra
10 de novembro 2020

En nivel vermello polos positivos confirmados por  PCR no últimos sete días Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Ribadumia e O Grove. A cidade do Lérez ten 369 casos activos, 4 menos. En Sanxenxo hai dous menos, 58. En Poio, 63, tres máis que o luns. Marín cruza a barreira dos 100 positivos 

Incidencia da covid-19 nos concellos da área sanitaria a 10 de novembro Servizo Galego de Saúde

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén este martes oito municipios en nivel 3 ou vermello, o máximo de alerta pola incidencia da covid-19. Supón a mesma cantidade de  concellos nesta situación que o luns, aínda que se produciron cambios na distribución, pois Cambados rebaixou a incidencia e pasou a ter nivel 2 ou laranxa con 61 casos activos e ningún positivo novo na última xornada e Soutomaior fixo o camiño inverso.  

Segundo os datos oficiais facilitados pola Consellería de Sanidade, atópase, por tanto, en nivel vermello polos positivos confirmados por  PCR no últimos sete días Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Ribadumia e O Grove.

Estes municipios teñen o mesmo nivel de alerta, pero distinta evolución nas últimas 24 horas. Así, por exemplo, en Pontevedra e Sanxenxo baixaron o número total de casos activos mentres que en Poio e Marín aumentaron. 

A cidade do Lérez teñen este martes, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade ao Concello, 369 casos activos, 4 menos que os contabilizados o luns.

En Sanxenxo prodúcese esta mesma situación, cun pequeno descenso do total de casos activos, dous menos que o día anterior. Hai este martes un total de 58.

En Poio, con todo, aumentaron. Hai 63 casos activos, tres máis que o luns, mentres seguen sendo 183 os pacientes en seguimento tras ser contacto estreito dun positivos.

En Marín tamén creceu a incidencia e contabilízanse tres casos activos máis en 24 horas e traspasou a barreira dos 100 pacientes contaxiados. Son un total de 101 e outros 221 pacientes están en seguimento.. 

Segundo a última actualización facilitada pola Consellería de Sanidade ao Concello, tamén Vilagarcía ten máis casos este martes. En concreto, 89, un máis que o martes.

Ademais destes municipios en alerta vermella, na área sanitaria hai tres  concellos no nivel de alerta 2 (laranxa): Bueu, Cambados -mantense en 61 casos- e Caldas de Reis. Desta lista cae Ponte Caldelas, que este luns estaba en nivel de alerta laranxa e en 24 horas caeu ao nivel 1 ou amarelo.  

Ademais de Ponte Caldelas, Meis, Cuntis e Vilaboa mantéñense en nivel de alerta amarela. Desta lista caeuse A Lama, que estaba en nivel 2 o luns e agora xa rebaixado a incidencia e está en nivel verde. 

En nivel verde por non sumar novos positivos nos sete últimos días mantéñense Vilanova de Arousa -que se mantén en 24-, Moraña, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Barro, Portas e Meaño.