Sanidade notifica dous falecementos de pacientes de máis de 90 anos con covid na área sanitaria

Pontevedra
21 de decembro 2021

Trátase de dous homes, de 90 e de 95 anos, que falecían no Hospital do Salnés e no Hospital Montecelo o luns 20. Os dous contaban con outras enfermidades. Durante a mesma xornada tamén faleceu unha terceira persoa diagnosticada con coronavirus na provincia, trátase dun home de 48 anos, que perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A estas vítimas súmanse outros dous pacientes falecidos en Ourense e na Coruña

Probas PCR na área sanitaria
Probas PCR na área sanitaria / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma 220 falecementos con covid-19 desde que se iniciou a pandemia. A Consellería de Sanidade informaba este martes da morte durante a xornada do luns doutras dúas persoas. Trátase dun home de 90 anos, que falecía no Hospital  do Salnés; e doutro home de 95 anos, que perdía a vida no Hospital Montecelo de Pontevedra.

Segundo a información facilitada por Sanidade, os dous pacientes contaban con outras enfermidades nos seus historiais médicos. A última vítima na área rexistrouse durante a xornada do domingo, un home de 77 anos, que falecía no seu domicilio de Sanxenxo. Desde o inicio do plan de continxencia por esta enfermidade curáronse 22.535 persoas, 129 máis que na xornada anterior.

Sanidade comunicaba tamén outra morte máis na provincia dunha persoa diagnosticada con coronavirus, un home de tan só 48 anos, que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A estas vítimas súmanse outras dúas máis no resto de Galicia, unha muller de 76 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña; e outra muller de 91 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense. Segundo informan desde o Sergas, todas estas persoas contaban con outras enfermidades nos seus expedientes clínicos e non se traslada información sobre se recibiran as doses previstas de vacina.

Con estes decesos, Galicia alcanza a cifra de 2.735 mortes notificadas polas autoridades sanitarias desde o inicio desta pandemia.