Sanidade prevé iniciar o 29 de decembro a vacinación da covid-19 en Pontevedra

Pontevedra
24 de decembro 2020

As autoridades sanitarias galegas explican que o executivo central confirmou que o envío inicial será de 500 doses, polo que a Xunta viuse obrigada a variar o plan previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias

Vacina
Vacina / Fernando Zhiminaicela / Pixabay

Ata o 29 de decembro, dous días máis tarde do previsto, Sanidade non iniciará a campaña de vacinación contra a covid-19. O motivo, o reducido número de dose que o Goberno enviará a Galicia nun primeiro momento.

As autoridades sanitarias galegas explican que o executivo central confirmou que o envío inicial será de 500 doses, polo que a Xunta viuse obrigada a variar o plan previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias.

Así, esta campaña comezará o domingo 27 de decembro nunha residencia de Santiago.

A segunda entrega de doses para Galicia chegará o vindeiro luns, cunha cantidade aproximada de 18.000 novas doses.

Estas doses non poderán empregarse ata a xornada do martes, debido aos prazos que precisa a vacina para desconxelarse e así poder subministrala.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que será "fundamental" que a chegada das vacinas sexa "sostida" para poder xestionar a loxística de vacinación.

Ademais, Galicia entende que o criterio que debe primar na repartición de vacinas é a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos de cada comunidade autónoma, dado que son as persoas máis vulnerables e cuxa vacinación é "prioritaria".

En Galicia, lembrou García Comesaña, hai máis de 750.000 maiores de 65 anos. Son o 25% da poboación total da comunidade.