Santa Bárbara e Santa Lucía iluminarán de festa Viascón durante dous días

Cerdedo Cotobade
09 de decembro 2025
Actualizado: 19:07

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Comisión de Festas presentan un programa cheo de tradición, música e gastronomía para os días 12 e 13 de decembro

Cantareiras Bulideiras actuarán en Viascón
Cantareiras Bulideiras actuarán en Viascón / Cantareiras Bulideiras

A parroquia de Viascón, en Cerdedo-Cotobade, ten todo preparado para vivir dous días de intensa celebración coas festas na honra de Santa Bárbara e Santa Lucía.

O alcalde, Jorge Cubela, xunto con membros da Comisión de Festas, desvelou esta martes o cartel dunha programación pensada para todas as idades, que terá lugar os vindeiros venres 12 e sábado 13 de decembro.

Os festexos darán comezo o 12 coa misa solemne adicada a Santa Bárbara ás 12:30 horas.

A noite garda un dos momentos máis esperados: a tradicional cea de Santa Bárbara, a partir das 21:00 horas.

O menú inclúe empanada; lagostinos preparados á prancha e tamén cocidos; carne rinchada con patacas; sobremesa; viño; auga e café, cun prezo de 30 euros para adultos e 15 euros para nenos de entre 5 e 11 anos. A velada prolongarase coa música de DJ Will.

O sábado 13 será a quenda de Santa Lucía, cunha xornada que vai iniciarse coa misa solemne ás 11:00 horas, seguida dunha segunda misa e procesión ás 12:30 horas, que contará co acompañamento das Cantareiras Bulideiras, culminando cunha sesión vermú.

Ás 12:00 horas, o ceo de Viascón iluminarase cunha gran tirada de fogos artificiais. A noite rematará cunha gran verbena a partir das 21:00 horas, amenizada pola actuación de La Banda de Ayer e DJ Dolce Vita, e unha popular chocolatada para todos os asistentes.

Para garantir o confort da veciñanza e visitantes, todos os eventos celebraranse baixo carpa climatizada.

O alcalde Jorge Cubela salientou a importancia destas festas para a identidade de Viascón, subliñando que son "un exemplo do que representa o noso rural: tradición, participación veciñal e unha enorme capacidade para unir á xente arredor da cultura e da convivencia".