Santa Cristina segue ardendo mentres os veciños, "con nervios", fan balance: "O susto aínda o teño no corpo"

Vilaboa
22 de agosto 2025

A UME centrarase en perimetrar o lume para evitar que se achegue a núcleos de poboación, xa que o Concello alerta de que "as altas temperaturas previstas incrementan o risco de reactivación"

Militares da UME traballan no incendio forestal de Santa Cristina de Cobres

O incendio declarado ás 16.37 horas do xoves continúa activo nos montes de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, tras arrasar xa 50 hectáreas e manter activada a situación 2 por precaución por proximidade ás casas de Vilar e Paradellas.

En Paradellas, onde foi necesario desaloxar a 14 persoas durante a noite, os veciños puideron regresar ás súas casas e aínda "con nervios" fan balance o ocorrido, unha noite intensa da que tardarán en recuperarse.

"Agora estamos a ver os resultados, pero o susto onte eu aínda o teño no corpo", relata unha veciña, que reside nunha do catro casas que quedaron a apenas 20 metros do lume.

Esta veciña foi desaloxada e a súa familia pasou a noite nunha autocaravana "para pornos a salvo". Relata que todo empezou pola tarde e, cando lles desaloxaron, non chegara a ver as chamas cerca. "Realmente, desde aquí só viamos fume, as chamas non as viamos".

A pesar das situacións de tensión, recoñece que lle deu tranquilidade o amplo dispositivo de medios despregado na zona. "Estaban aquí todos para para pagalo, viñeron moitas brigadas, moitas persoas do pobo e moitos bombeiros, moitos medios e iso agradecémolo moito tamén", sinala este venres.

Militares da UME traballan no incendio forestal de Santa Cristina de Cobres

A pesar de ter a autocaravana aparcada na zona baixa de Vilaboa, durante a noite regresaron a ver como evolucionaba o lume e para poder refrescar a contorna da súa casa. levaron con eles ás súas mascotas, cans e gatos.

Ademais de facer balance, este venres reflexiona sobre a necesidade de que "se limpe as proximidades das casas", pois a situación foi complicada porque había "moita vexetación ao redor" das vivendas.

Finalmente non se viron afectadas ningunha destas vivendas. Tampouco en Vilar, onde o lume estivo tamén moi preto de vivendas.

Alí, na casa rural Vos Areiros, a dona relata que pasaron a noite con "todo o mundo pendente nas xanelas" e rodeados de medios e veciños dispostos a axudar, que non deixaron de traballar en toda a noite.

Vivírono "con moito nerviosismo" e houbo hóspedes qeu decidiron marcharse. Mesmo uns que chegaron cando xa empezaba a saír fume fóronse indicando a súa condición de "asmáticos". Fóronse a durmir a Porriño e regresaron xa pola mañá.

Pasaron "moito moito medo" recreando as situacións que levan semanas vendo noutras partes de Galicia".

Desde Puebla de Sanabria chegaron eses turistas que se foron a Porriño. Viron como na súa terra a situación foi "moito peor" e, ao chegar, recoñecen que "nos asustamos un pouco".

Un dos membros deste grupo de húespedes necesita oxigeno para durmir e non quixeron arriscarse a quedar tan cerca do lume.

Pero bo, xa por susto, non, xa dígoche, porque na zona nosa é unha pena, porque é unha zona moi bonita e estállenos perdendo.

Sobre as 5 da madrugada montouse un posto de mando avanzado xunto á Casa de Cultura de Riomaior para coordinar os medios e actuacións sobre o incendio.

A esa hora tamén chegaron a Vilaboa efectivos da UME. Desde ese momento, e ao longo de todo o venres, centrarán o seu labor en perimetrar o lume para evitar que se achegue a núcleos de poboación, xa que o Concello de Vilaboa alerta de que "as altas temperaturas previstas para hoxe incrementan o risco de reactivación".

O alcalde de Vilaboa, César Poza, está permanentemente no posto de mando e móstrase agradecido pola "total colaboración en todo momento" de veciños e veciñas de Vilaboa.

Agradeceu tamén o traballo que están a realizar os bombeiros de Pontevedra, do Morrazo e de Vigo desprazados para colaborar e tamén o traballo das diferentes agrupacións de Protección Civil que reforzan o traballo de Emerxencias Protección Civil de Vilaboa; así como a predisposición dos alcaldes de Cuntis, Redondela, Moaña e Soutomaior, que "desde o primeiro momento puxeron os seus medios a disposición do Conello de Vilaboa".

Prevese unha xornada intensa na que o alcalde pide á poboación que "se manteña alerta" e que avise ao 112 en caso de detectar calquer novo brote.