O barrio pontevedrés do Burgo afronta este sábado a xornada principal das festas de Santiaguiño, coincidindo coa celebración do Día de Galicia.
A programación combina os actos relixiosos e tradicionais coas actuacións musicais e os espectáculos pirotécnicos que cada ano reúnen a numerosos veciños e visitantes.
A festividade tivo un dos seus momentos máis representativos na tarde do venres coa tradicional procesión para a recollida das uvas e o millo.
O costume remóntase á lenda segundo a cal o Apóstolo Santiago recibiu hospitalidade por parte dunha familia da Santiña durante o seu camiño. Como mostra de agradecemento, a tradición atribúe a ese episodio que as viñas da zona adianten a súa maduración con respecto ás dos terreos próximos.
Este sábado, a imaxe do santo volveu percorrer as rúas do barrio, nesta ocasión acompañada polas primeiras espigas e os acios ofrecidos polos veciños, un dos xestos máis característicos destas celebracións.
A actividade continuará durante a tarde coa actuación de Gaiteiros das Rías Baixas, prevista para as 19.30 horas. Xa pola noite, ás 22.30 horas, o recinto feiral acollerá unha nova verbena, amenizada polo grupo M-5.
A xornada concluirá cun espectáculo de fogos artificiais que se lanzará desde a beira do río, entre a ponte do Burgo e a de Santiago.
Con motivo do lanzamento dos fogos, estableceranse restricións de tráfico desde unha hora antes nos accesos a Pontevedra pola avenida de Buenos Aires e nas inmediacións do pavillón municipal de deportes
O programa festivo continuará o domingo cuns pasacalles a partir das 11.30 horas, protagonizado por Os de Algures. Tras o descanso da programación durante a tarde, a orquestra Channel será a encargada de pechar as verbenas das festas cunha actuación prevista para as 22.30 horas.
As celebracións concluirán o luns cuns último pasacalles, previsto tamén para as 11.30 horas e acompañado por Os Alegres. A xornada estará dedicada especialmente ao público infantil, con descontos e actividades nas atraccións instaladas no recinto feiral..
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.