Sanxenxo amplía a duración da Feira da Cebola sen medo a repetirse

Sanxenxo
27 de agosto 2019

O próximo 3, 4 e 5 de setembro Sanxenxo celebrará Santa Rosalía. A segunda parte das súas festas patronais chega cun variado programa organizado pola Concellaría de Cultura que inclúe novidades na Feira da Cebola que medra en duración

Festa da Cebola
Festa da Cebola / PontevedraViva

O próximo 3, 4 e 5 de setembro Sanxenxo celebrará Santa Rosalía. A segunda parte das súas festas patronais chega cun variado programa organizado pola Concellaría de Cultura que inclúe novidades na Feira da Cebola que medra en duración, xa que para o día previo á exposición e venda deste produto, organizáronse concertos e actividades relacionadas.

Así, o martes 3, previo ao día da Feira da Cebola, celebrarase ás 12.00 horas na Praza de Pascual Veiga unha degustación gastronómica na que o ingrediente estrela será a cebola. Estará amenizada por un grupo de jazz.

Ás 21.00 horas a banda de música de Sanxenxo actuará neste mesmo escenario e tamén haberá "Concertos da cebola" no Paseo de Silgar ás 21.30 horas, no Paseo dos Barcos ás 22.30 horas e na Praza de Portugal ás 23.30 horas.

O día grande, o 4 de setembro, día de Santa Rosalía, terá lugar a edición número 37 da Feira da cebola con cambios na decoración e no escenario grazas á colaboración da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industria Agroalimentaria.

Máis de 60 postos de vendedores locais, nos que se poderá adquirir este produto, estarán instalados no recinto portuario. Ás 12.45 horas será o acto de entrega dos premios e das Cebolas de Ouro.

Ademais, a programación festiva complétana os pasacalles a cargo da Asociación Folclórica Abiñadoira e Banda de Música de Sanxenxo. E polas noites as orquestras A Oca Band, Olympus, Palladium e Finisterre poñerán o broche final a estas xornadas festivas.