Sanxenxo autoriza 207 fogueiras de San Xoán e prevé a maior afluencia dos últimos anos

Sanxenxo
22 de xuño 2026

Caneliñas e Silgar concentrarán a maior parte da actividade, con 8 e 10 fogueiras respectivamente, ás que se suman dúas en Panadeira e outras catro en espazos públicos

Fogueira de San Xoán en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Sanxenxo prepárase para unha das noites de San Xoán con maior participación dos últimos anos.

O Concello tramitou un total de 207 permisos para a realización de fogueiras, unha cifra que supón un incremento respecto de edicións recentes e que se traduce nunha previsión de asistencia de 2.669 persoas repartidas por distintos puntos do municipio.

A maior parte das celebracións terá lugar en propiedades privadas, onde se concentran 183.

As praias de Caneliñas e Silgar volverán concentrar a maior parte da actividade, con 8 e 10 fogueiras respectivamente, ás que se suman dúas en Panadeira e outras catro en espazos públicos.

Ante este aumento da afluencia, o Goberno local activará un dispositivo especial no que participarán Policía Local, Emerxencias e o servizo municipal de limpeza.

As fogueiras só poderán acenderse durante a noite do 23 ao 24 de xuño, entre as 22.00 e as 06.00 horas. Nesa franxa tamén está prohibido o baño.

As persoas con autorización poderán trasladar o material á praia a partir das 21.00 horas. Á primeira hora, os areais serán desaloxados para facilitar as tarefas de limpeza para que estean en condicións óptimas para o seu uso.

O Concello insiste no cumprimento das medidas de seguridade, entre elas a prohibición de instalar tendas de campaña ou utilizar faroliños voadores.

Así mesmo, delimitarán as zonas autorizadas mediante valos e habilitaranse bidóns para a recollida de cinzas. Só permitirase a queima de leña limpa, quedando vetados materiais como plásticos ou madeiras tratadas, e non se poderá acceder á praia con envases de vidro nin reproducir música a volume que xere molestias.

Por outra banda, o prazo para solicitar permisos para as fogueiras de San Pedro permanecerá aberto até o próximo 25 de xuño.