Unha parcela de 2.655 metros cadrados, situada en Mourelos (Noalla), será o lugar no que a Xunta de Galicia constrúa un inmoble de 25 vivendas de promoción pública.
Así o anunciou este martes a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitou estes terreos acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Estes terreos, que actualmente son de titularidade municipal, serán cedidos á Xunta polo Concello.
O ámbito conta cunha superficie total de 70.395 metros cadrados onde está prevista a construción de 157 vivendas privadas.
Unha vez realizados os estudos técnicos pertinentes, nos próximos días asinarase o acordo de cesión do solo, segundo avanzou Martínez Allegue, que asegurou que "queremos empezar a construír o inmoble canto antes".

Telmo Martín indicou que ademais desta parcela en Noalla hai varios chans en Sanxenxo que poderían albergar este tipo de vivenda.
“Vimos de visitar outros solos noutras parroquias, pero este xa está máis avanzado e pode ser de forma máis rápida”, asegurou.
Atallar o problema da vivenda é un "reto compartido" co resto de administracións, apuntou a conselleira, porque "todos temos competencia nesta materia e, por tanto, o deber de dar resposta á cidadanía".
A este respecto, a titular de Vivenda lembrou que a Xunta está a ofrecer opcións ás administracións locais para darlles máis ferramentas de cara a ampliar o parque público residencial.
Entre estas posibilidades, destacou o novo programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida, co que poderán sacar a concurso as súas parcelas e facilitar así a construción de vivenda protexida.
Ademais, o goberno galego activará proximamente o novo fondo de cooperación para conceder préstamos sen intereses aos concellos para fomentar a construción de vivendas para aluguer accesible, cun investimento de 10 millóns de euros.