Sanxenxo dá marcha atrás e contratará os socorristas das súas praias de forma directa

Sanxenxo
21 de xuño 2021
Actualizado: 17:07

As praias de Silgar, Areas, Canelas e Montalvo contarán con socorristas esta mesma semana, mentres o resto de areais con bandeira azul contarán con profesionais de salvamento a partir do 1 de xullo

Socorrista
Socorrista / Mónica Patxot

As praias de Silgar, Areas, Canelas e Montalvo contarán con servizo de socorrismo esta mesma semana, mentres que o resto dos areais con bandeira azul de Sanxenxo dispoñerá deste persoal para partir do 1 de xullo. A contratación farase como todos os anos, de forma directa, despois de que o goberno local decidise dar marcha atrás no seu obxectivo de externalizar o servizo.

"Non se dan as condicións que garantan o obxecto do contrato e pola posibilidade de que o proceso prexudicase a seguridade nas praias", xustifican a decisión desde o Concello. Esta determinación tomouse este luns no Consello de Turismo Extraordinario para salvagardar o "interese xeral".

Agora o Concello vai encargar directamente da contratación dos socorristas por un período de tres meses.

Doutra banda, o goberno local asegura que o servizo de praias contará este ano con "importantes melloras e innovacións" valoradas en 151.200 euros. Entre estas novidades atópase o balizamento, a iluminación, o mobiliario, os accesos, as torres de vixilancia ou o peche perimetral para a protección dos sistemas dunares. 

Sobre as críticas da oposición, o Concello lembra que no 2016 o tripartito tivo que renunciar a tres bandeiras azuis por ser incapaz de contratar aos socorristas necesarios para levar a cabo o servizo.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O PSdeG-PSOE de Sanxenxo considera "lamentable " que o Concello tome este tipo de decisións "cando ve que a xogada non lles vai saír ben". 

"A empresa que finalmente ía facerse co concurso non era da corda do Sr. Martín; así que non dubidaron en desestimar o contrato", afirmou a líder do PSOE local, Ainhoa Fervenza. 

"Brócoli S.L. ten dereito a ese contrato, así que de seguro presentará un recurso especial á contratación pola desestimación do concurso. E o máis probable é que finalmente, o Concello teña que indemnizala. É dicir, que máis cartos dos veciños e veciñas tirados ao lixo pola mala xestión do alcalde", sinalou Fervenza.

"No Concello que debería ser o referente en actuacións turísticas do único que somos referentes é de meter sempre a pata", dixo a socialista.