Sanxenxo estrea o novo colexio do Revel cunha xornada de portas abertas

Sanxenxo
06 de setembro 2021

Cunha xornada de portas abertas, o Concello de Sanxenxo presentará á cidadanía o novo colexio do municipio, o do Revel, en Vilalonga. Será o vindeiro martes día 7, en horario de 18 a 22 horas, cando os veciños poderán realizar unha visita ao centro educativo en grupos reducidos

Colexio do Revel, en Vilalonga
Colexio do Revel, en Vilalonga / Concello de Sanxenxo

Cunha xornada de portas abertas, o Concello de Sanxenxo presentará á cidadanía o novo colexio do municipio, o do Revel, en Vilalonga.

Será o vindeiro martes día 7, en horario de 18 a 22 horas, cando os veciños poderán realizar unha visita ao centro educativo en grupos reducidos e cumprindo o protocolo anticovid.

A visita realizarase dous días antes do comezo do novo curso o que permitirá realizar unha limpeza e desinfección das instalacións unha vez conclúa a xornada de portas abertas.

O novo colexio do Revel, que substituirá ao actual Cruceiro e que dará servizo á parroquia de Vilalonga, supuxo un investimento por parte da Xunta de Galicia de 5,2 millóns.

Estas instalacións educativas están clasificadas pola Xunta como de liña dúas, é dicir, oferta seis unidades de Infantil e doce de Primaria.

O edificio distribúese en tres plantas: un semisótano, planta baixa e primeiro piso.

O semisoto albergará as instalacións e o ximnasio. Na planta baixa atópanse os accesos ao colexio, unha sala-comedor que pode servir como espazo de usos múltiples, outra para profesores, unha máis de administración e as aulas de Infantil e de desdobre.

Nesta planta baixa tamén hai espazo para a biblioteca, a aula de informática e un gran patio central. Na primeira planta sitúanse as aulas de Primaria, Música e de Orientación. A parte sur da parcela aloxa a pista polideportiva.

A obra complétase con tres accesos, entre os que se atopa un para persoas con mobilidade reducida, que se conecta directamente co centro.